Luis López defende o uso do galego como vehículo de unión, identificación e defensa de Galicia e da provincia no acto da Deputación polo Día das Letras Galegas

adminON
Lectura mínima de 4

O vestíbulo do Pazo provincial foi escenario dun recital de poemas e textos de Luisa Villalta como homenaxe á autora á que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas

A Deputación de Pontevedra avanza na normalización lingüística do galego cun novo acordo co colectivo Oral de Galicia para realizar obradoiros de regueifa nos institutos

“De neno, na escola, na rúa ou na casa, falaba galego. Cando crecín seguín falando galego. E agora, que teño a honra de presidir a Deputación, sigo falando galego. Seguirei falando galego sempre, porque é como o meu nome ou as miñas raíces”, afirmou López

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anima á veciñanza da provincia a falar galego e subliña a importancia de promover o uso da lingua galega como vehículo de unión e identificación con Galicia no acto de celebración do Día das Letras Galegas que tivo lugar este xoves no vestíbulo do Pazo provincial. “Falar galego non é unha maneira máis de comunicarnos. O galego é a alma da nosa terra, a voz que nos conecta cos nosos antepasados e as verbas que sustentan a nosa cultura”, declarou o mandatario provincial.

O acto institucional xirou arredor da figura de Luisa Villalta, autora á que se lle dedica este ano o Días das Letras Galegas. Deste xeito, o deputado de Cultura, Jorge Cubela, a directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve; a académica e escritora Fina Casalderrey, a xefa do departamento de Lingua e Literatura do IES Sänchez Cantón de Pontevedra e a alumna deste instituto Agustina Ayelén Mallo; foron os encargados de honrar a memoria de Luísa Villalta a través da lectura dunha selección dos seus textos e peomas. A xornada completouse coa actuación musical do cuarteto de corda do CMUS Manuel Quiroga e a interpretación do himno galego.

Neste contexto, o presidente da Deputación recoñeceu o orgullo persoal que supón ser galego falante. “Eu, como moitos miles de veciñas e veciños, son galego falante”, confesou o dirixente. “De neno, na escola, na rúa ou na casa, falaba galego. Cando crecín, formei a familia e atopei traballo, seguín falando galego. E agora, que teño a honra de presidir esta Deputación, sigo falando galego. Seguirei falando galego sempre, porque é como o meu nome ou as miñas raíces: parte de min”, continuou Luis López, que recoñeceu tamén que “poucas cousas poden facerme sentir máis orgulloso de ser galego, pontevedrés e de Rodeiro, que falar na nosa lingua cos meus veciños ou escoitar ás novas xeracións falar en galego”.

“Manter viva a nosa lingua é manter viva Galicia e a nosa cultura”, subliñou o presidente, antes de citar algunhas das accións do goberno provincial pola defensa do galego e a normalización lingüística como a liña de axudas para realizar publicacións en galego ou a cooperación con entidades como a Real Academia Galega.

Luis López aproveitou a celebración do Día das Letras Galegas para anunciar un acordo de colaboración co colectivo Oral de Galicia para a realización de obradoiros de regueifa en centros educativos. Unha iniciativa que se levará ao comezos do vindeiro curso educativo e que consiste na realización de cen obradoiros nun total de 50 institutos da provincia para traballar, nun ambiente de respecto, igualdade e humor; conceptos poéticos como a rima ou a métrica a través da expresión oral e a improvisación.

“Deséxovos que desfrutedes deste Día das Letras Galegas e desta festa da Lingua, á que lle desexo, como Cunqueiro, mil primaveras máis”, concluíu o presidente Luis López a conmemoración desta xornada.

Comparte este artigo