O Concello de Ponteareas informa que nestes días se realizarán os traballos necesarios para a poda das árbores que embelecen o centro urbano. Para evitar futuras incidencias e molestias e ante a falta de recursos humanos municipais, o Concello contratou a unha empresa local a poda de 353 árbores.
A estes traballos de poda súmase o realizado polo persoal do propio departamento de desbroces, xardíns e mantemento que atende tanto o centro urbano como as parroquias.
4 persoas conforman o servizo de desbroce, podas e xardíns, que dirixe Domingo Freitas, apoiadas polo tractorista municipal e persoas dos programas de emprego da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia que reforzan o servizo en momentos puntuais do ano. A cuadrilla de desbroces realiza o mantemento dos xardíns e as podas das árbores en contornas públicas, neste aspecto a concellería pide o máximo respecto ás normas de convivencia recollendo o lixo das súas mascotas e non provocando danos nas prantas que embelecen a nosa vila así como non rompendo a sinalización respectiva.