O Concello de Redondela abre o prazo de inscrición para os cursos de maiores “Corpo e mente”

adminON
Lectura mínima de 3

-A concellería de Maiores pon en marcha un ano máis cursos dirixidos a persoas de máis de 55 anos. A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que estas clases teñen como obxectivo “mellorar a calidade de vida dos participantes con actividades que promoven o benestar físico, mental e social”.

– Os cursos, que son de balde, impartiranse nos multiúsos de Redondela e Chapela. O prazo de inscrición estará aberto entre o 2 e o 13 de setembro. As clases comezarán o 18 de setembro.

-A concelleira Pilar Martínez explica que nestes cursos os participantes “desenvolverán experiencias sensoriais, xogos interactivos e diferentes exercicios que lles axudarán a reforzar a atención, incrementar a agudeza auditiva e visual e previr o deterioro da memoria,  o que redunda nunha mellor calidade de vida”.

O Concello de Redondela, a través da concellería de Maiores, pon en marcha un ano máis os cursos dirixidos a persoas de máis de 55 anos. A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que se trátase de actividades “moi demandadas pola veciñanza”. Baixo o título “Corpo e mente” os cursos teñen como obxectivo “mellorar a calidade de vida dos participantes a través de exercicios que promoven o benestar físico, mental e social”. A concelleira Pilar Martínez explica que estes cursos inclúen tanto exercicios de movemento “con exercicios físicos suaves de coordinación, equilibrio e estiramentos”, como tamén talleres de memoria “para reforzar a capacidade de atención e as funcións cognitivas en xeral”. Tamén se inclúen obradoiros de autocoidado e xestión emocional “co reforzo de recursos e habilidades para mellorar a autoestima e valoración persoal”.

O prazo de inscrición para estes cursos, que son de balde, estará aberto entre o 2 e o 13 de setembro. As clases comezarán o 18 de setembro. No Multiúsos da Xunqueira impartiranse os mércores de 9.30 a 10.45 horas, e os venres haberá dous grupos, de 9.30 a 10.45 horas e outro de 11.00 a 12.15 horas. No Multiúsos do Piñeiral de Chapela será os xoves, cun grupo de 10.00 a 11.15 e outro de 11.30 a 12.45 horas. Os requisitos para poder participar é ser maior de 55 anos e estar empadroado en Redondela. A inscrición pode facerse no propio Concello de Redondela ou no departamento de Servizos Sociais de Chapela. Para máis información poden dirixirse ao teléfono 986 400 300 ou ao enderezo electrónico concello@redondela.gal.

Na segunda quincena de setembro abrirase tamén o prazo de inscrición para os cursos de Tai Chi, que comezarán a impartirse no mes de outubro.

Comparte este artigo