Estes novos recursos beneficiarán a Cambados, Cangas do Morrazo, Cerdedo-Cotobade, O Rosal, Mos, Gondomar, Salceda de Caselas, Mondariz, Mondariz-Balneario e As Neves
Cos recursos da liña 1 do Plan +Provincia aprobados este luns vaise completar integramente a financiación da reforma interior do Auditorio Municipal do Rosal, cun investimento de preto de 900.000 €
O presidente provincial recordou que o Plan +Provincia destinou xa máis de 38 millóns de euros aos concellos de menos de 50.000 habitantes
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar en Xunta de Goberno destinar preto de 1,1 millóns de euros para que Cambados, Cangas do Morrazo, Cerdedo-Cotobade, O Rosal, Mos, Gondomar, Salceda de Caselas, Mondariz, Mondariz-Balneario e As Neves impulsen novos investimentos e afronten gasto corrente a través das liñas 1 e 2 do Plan +Provincia 2025. O presidente provincial, Luis López, asegurou que a Deputación segue “avanzando, unha semana máis, no reparto de fondos do +Provincia, o plan de obras e servizos de competencia municipal máis ambicioso da historia da Deputación, que xa leva distribuídos este ano máis de 38 millóns de euros, dos 48,2 co que estaba dotado, entre os concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes”.
Dos recursos aprobados en Xunta de Goberno, preto de 890.000 € pertencen á liña 1, de investimentos, e serán destinados a Cangas do Morrazo, Cerdedo-Cotobade, Forcarei, Gondomar, Mos, Mondariz, As Neves, O Rosal e Salceda de Caselas. No caso concreto do Rosal, a institución provincial vai financiar integramente a reforma interior do seu Auditorio Municipal, con preto de 900.000 euros: 700.000 € do Plan Extra e preto de 200.000 e do +Provincia.
Ademais, tamén a través da liña 1, Cangas do Morrazo recibe 125.530 € para a intervención no centro cultural do Hío; Cerdedo-Cotobade máis de 45.000 € para as melloras na contorna do pavillón municipal de Cerdedo; Gondomar máis de 48.000 € para o equipamento de bombeo de augas residuais de Castro, Carrasquedo e CDL; Mondariz máis de 53.000 € para a creación dun centro de interpretación da cestería; Mos 382.600 € para a ampliación do parque multiocio da Pesqueira; As Neves preto de 16.000 € para a mellora do torreiro de San Pedro de Batalláns; e máis de 24.000 € para o novo ramal de saneamento en San Estevo de Budiño en Salceda de Caselas.
No que respecta á liña 2, de gasto corrente, esta semana aprobáronse preto de 114.000 euros para que Cambados e Mondariz-Balneario poidan facer fronte á programación cultural, deportiva e social de ámbolos dous concellos.