O Concello de Redondela aproba o pago de 2,7 millóns de facturas pendentes

adminON
Lectura mínima de 3

– O pleno da corporación aprobou onte o recoñecemento extraxudicial de gastos para facturas correspondentes a 2022 e 2023 que non puideran sufragarse no exercicio correspondente por unha avaría no sistema informático do departamento de Intervención.

– Unha vez aprobado o gasto haberá un período de 15 días de exposición pública e despois establecerase un calendario para o pago progresivo das facturas pendentes.

-A alcaldesa, Digna Rivas, agradece o apoio responsable do BNG para sacar adiante a proposta e que os provedores poidan cobrar. A rexedora lamenta a actitude do PP “que mentiu sobre a situación financeira do Concello, non é certo que estea ao bordo da quebra como quedou demostrado”.

O pleno da corporación de Redondela aprobou onte o recoñecemento extraxudicial de 2,7 millóns de euros de gastos para facturas correspondentes a 2022 e 2023. Trátase de facturas que non puideran sufragarse no exercicio correspondente por unha avaría no sistema informático do departamento de Intervención que impediu facer a liquidación deses exercicios. A proposta saíu adiante cos votos do PSdG-PSOE, AER e BNG, e o voto en contra do PP.

A alcaldesa, Digna Rivas, agradece o apoio responsable do grupo municipal do BNG para sacar adiante a proposta e que os provedores poidan cobrar. Por outra banda, a rexedora lamenta a actitude do PP “que mentiu nos medios de comunicación sobre a situación financeira do Concello, creando unha alarma entre a veciñanza e os provedores totalmente infundada”. Explica Rivas que, tal como quedou demostrado no pleno celebrado onte, a situación financeira do Concello de Redondela está saneada, cun remanente de Tesourería de case 3,7 millóns de euros, con débeda cero, e despois do pago das facturas pendentes as arcas municipais seguirán a contar con case 1 millón de euros de remanente positivo para gastos”.

Calendario de pagos a provedores

Unha vez aprobado onte o gasto no pleno da corporación haberá agora un período de 15 días de exposición pública. Unha vez rematado establecerase un calendario para o pago progresivo das facturas pendentes. Desde o Concello irase informando ás respectivas empresas das datas dos pagos “xa que somos coñecedores da urxencia que teñen especialmente pequenos e medianos empresarios para o cobro das débedas pendentes”, sinala Rivas. Algunhas das facturas pendentes corresponden a 2022, e terase en conta a antigüidade da débeda á hora de establecer os pagos. Desde o goberno local agradecen a paciencia dos provedores e lamentan este atraso no abono das facturas “que non é froito dunha mala xestión, senón dunha avaría moi grave no sistema informático do departamento de Intervención”.

Comparte este artigo