O Concello de Redondela aproba un plan de axuste polos problemas informáticos do departamento de Intervención

adminON
Lectura mínima de 4
  • O Concello incumprira o período de pago que establece a lei por unha grave avaría informática no departamento de Intervención que atrasou a xestión das facturas. O Concello pagou este verán en tempo récord facturas pendentes e outros gastos correntes por valor de máis de 7 millóns de euros.
  • A alcaldesa, Digna Rivas, agradece “o compromiso e responsabilidade” do grupo municipal do BNG ao apoiar esta proposta, e tamén “o esforzo e implicación” do persoal de Intervención e Tesourería “que fixo un traballo impecable”.

O pleno da corporación aprobou onte (co voto en contra do Partido Popular) o plan de axuste proposto pola alcaldía que vai garantir o equilibrio orzamentario. Este plan de axuste iníciao o Ministerio de Hacienda polo incumprimento do prazo de pago a provedores. Este incumprimento veu derivado dunha grave avaría informática do servizo de Intervención, e non pola falta de solvencia económica do Concello de Redondela. A avaría provocou a perda de datos e un atraso na xestión das facturas, tal como demostran os informes da Axencia Estatal de Protección de Datos. Con cargo ao fondos propios do Concello abonáronse este verán 2,7 millóns de euros en facturas pendentes e máis de 4,3 millóns de gastos correntes. Con todo, Facenda incluíu a Redondela no mecanismo de pago a provedores por entender que non se cumprirá o promedio de pago. Este mecanismo obrigou ao Concello a incluír ata o 16 de setembro todas as facturas pendentes de pago e envialas o Ministerio. Trátase de facturas de entre xuño e setembro “que non houbo tempo material de tramitar en tempo e forma”. A maioría son facturas de gastos correntes, como as da compañía eléctrica, que ascenden en total a 767.000 euros. O Ministerio xa procedeu o 18 de outubro ao pagamento adiantado destas facturas e o Concello solicitará un crédito para a sua devolución.
O plan de axuste, aprobado cos votos dos grupos municipais do goberno, PSdG-PSOE e AER, e co apoio do BNG, vai equilibrar os servizos municipais deficitarios e rebaixar gastos. A adhesión do Concello de Redondela ao acordo da FEMP permitirá rebaixar a factura eléctrica en máis de 300.000 euros ao ano.
A alcaldesa, Digna Rivas, agradece “o compromiso e responsabilidade” grupo municipal do BNG ao apoiar esta proposta “que permitirá seguir ofrecendo o mellor servizo público á veciñanza”. Rivas puxo tamén en valor a labor dos departamentos de Intervención e Tesourería neste último ano e agradeceu a súa implicación e esforzo “para que todo isto se puidese facer en tempo en forma, facendo un traballo impecable”.
A rexedora sinala que a situación económica do Concello de Redondela “non ten nada que ver coa de outros municipios obrigados a facer un plan de axuste, xa que no noso caso o atraso nos pagos vén derivado dunha grave avaría informática, e non da falta de liquidez”. As contas de Redondela están saneadas e nos últimos tres anos o remanente de Tesourería superou os tres millóns de euros.

Comparte este artigo