O Concello de Redondela, a través da súa Concellería de Cultura, presenta un completo programa de actividades para conmemorar o Mes do Libro. Con motivo do Día do Libro Infantil e Xuvenil (2 de abril) e do Día Internacional do Libro (23 de abril), as bibliotecas municipais Valle-Inclán e Xela Arias convértense no epicentro dunha axenda pensada para fomentar o hábito lector e o encontro veciñal.
A programación destaca polo seu carácter diverso, incluíndo contacontos para os máis pequenos, presentacións literarias e o recoñecemento aos usuarios máis activos do servizo bibliotecario. Calendario de actividades destacadas con entrada libre ata completar aforo:
Venres 17 de abril (Redondela): Ás 18:30 h, a Biblioteca Valle-Inclán acollerá o contacontos “Contos animados” de Expresión Producións, dirixido a nenos e nenas a partir de 3 anos.
Mércores 22 de abril (Chapela): A Biblioteca Xela Arias será o escenario da presentación do poemario “Letras”, da escritora redondelá María Ruíz Aparicio, ás 20:00 h.
Xoves 23 de abril (Redondela): Coincidindo co Día do Libro, celebrarase a entrega de premios aos Mellores Lectores de 2025, distinguindo as categorías infantil e adulto tanto de Redondela como de Chapela.
Venres 24 de abril (Chapela): Pecharanse as actividades centrais ás 18:30 h co contacontos infantil “Na busca do tesouro”, tamén a cargo de Expresión Producións.
Ademais das datas sinaladas, o Concello mantén activa a súa programación habitual con sesións do Club Infantil e os Clubs de Lectura (17 de abril en Redondela e 24 de abril en Chapela). A formación e a inclusión tamén teñen o seu espazo con visitas concertadas, como a do EEI de Cesantes e a prevista do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade de Chapela. Dende o Concello convídase a toda a veciñanza a achegarse ás bibliotecas municipais durante este mes de abril para descubrir novas lecturas e participar nestas celebracións que poñen en valor o poder da palabra escrita. A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, destacou a importancia desta programación como unha ferramenta para “facer da lectura un punto de encontro interxeracional e un motor de dinamización cultural no noso concello”.
Xa no mes de xuño a Alameda Castelao acollerá a X Feira do Libro de Redondela, dos días 11 a 14, con interesantes descontos e actividades para todos os públicos.

