• A alcaldesa Digna Rivas e a presidenta da asociación, María Victoria Pichel, asinaron un acordo de colaboración que recolle a creación dun xardín comunitario, a naturalización e replantación de xardineiras, e o impulso de actividades de educación ambiental e participación xuvenil.
O Concello de Redondela acaba de firmar un novo convenio de colaboración coa Asociación de Veciños de Chapela. A alcaldesa, Digna Rivas, e a presidenta da entidade veciñal, María Victoria Pichel, formalizaron o acordo para poñer en marcha o proxecto «Raíz na Rúa». Esta iniciativa quere “transformar e embelecer os espazos públicos a través do mantemento comunitario e a implicación directa da mocidade e da veciñanza”. Entre as actuacións previstas destaca a creación dun xardín comunitario, así como a naturalización e replantación de xardineiras existentes no municipio. Ademais, o proxecto inclúe o desenvolvemento de accións de educación social, sensibilización ambiental, instalación de sinalización interpretativa, carteis informativos e elementos ornamentais ou educativos.
Algún dos espazos estratéxicos onde se farán os traballos comunitarios será o lateral das escaleiras no Camiño dos Balandros, o terreo situado detrás do local da Asociación de Veciños ou as xardineiras existentes ao longo das avenidas de Redondela e de Vigo. Os traballos comezarán nos vindeiros días e complementaranse con obradoiros na Biblioteca Municipal Xela Arias e nos centros educativos da parroquia.
Rivas agradeceu a iniciativa do colectivo veciñal e destacou a importancia do proxecto, sinalando que “a verdadeira transformación de Redondela e das súas parroquias pasa por escoitar e implicar activamente á cidadanía”. Con «Raíz na Rúa» as veciñas e veciños “serán os auténticos protagonistas do deseño e coidado dos espazos públicos, fortalecendo o sentimento de comunidade e o respecto pola contorna”.
O Concello dará apoio dos servizos municipais, facilitará as tarefas de rega e material como terra vexetal ou substrato para os traballos de xardinería. “Raíz na Rúa” está subvencionado ao abeiro do Plan +Xuventude 2026 da Deputación de Pontevedra cun importe de 4.050 euros .

