Responde así á necesidade de novos espazos ante o incremento de alumnado rexistrado dende a posta en marcha do comedor escolar en 2022
O Concello de Tui levou a cabo obras no CEIP de Caldelas coas que da resposta ás necesidades do centro educativo ante o incremento de alumnado rexistrado. A posta en marcha do comedor escolar no ano 2022, tras as obras acometidas polo Concello de Tui para dotar ao centro deste servizo, marcou un punto de inflexión no incremento da matricula grazas a que deste xeito se facilita a conciliación familiar.
Ese incremento de alumnado require unha actualización das instalacións para garantir que o CEIP de Caldelas conte co entorno axeitado para a aprendizaxe dos nenos e nenas que cursan aí os seus estudos de Infantil e Primaria.
En concreto a actuación consiste na unión dun trasteiro e un aseo en desuso para crear unha aula diáfana. Para iso foi preciso o picado e demolición de paredes, a anulación e retirada de tubaxes innecesarias, a colocación de falsos teitos e pladur e o pintado de todas as superficies, e tarima vinílica. Para mellorar a iluminación instaláronse 5 paneis LED e conexión wifi. Estas melloras non só aumentan a funcionalidade do espazo, senón que tamén crean un ambiente máis moderno e agradable para o alumnado e o persoal docente.
Estas obras foron realizadas polo Concello de Tui, con fondos propios, nunha clara aposta pola educación pública. A concelleira de Ensino, Sonsoles Vicente, destaca que “cada verán realizamos obras de mantemento e mellora nos centros educativos para asegurar que os escolares teñan as mellores condicións posibles ao inicio do novo curso”. Estes labores de mantemento estanse a realizar tamén nos outros centros educativos públicos do municipio.

