HomePontevedraBaixo MiñoO Concello de Tui adaptará o proxecto de reforma da Praza da...

O Concello de Tui adaptará o proxecto de reforma da Praza da Estrela tras o achado de importantes restos arqueolóxicos

- Anuncio -spot_img

Nas catas realizadas atopouse un tramo da muralla medieval

O Concello de Tui vai adaptar o proxecto de reforma da praza da Estrela tras o importante achádego arqueolóxico realizado nas catas previas que se realizaron nas últimas semanas.  En concreto as catro catas realizadas están vinculadas ao proxecto da rede de pluviais que se vai executar. 

Nos vestixios atopados destaca, pola súa importancia, un tramo da muralla medieval do século XII, cuxo estudo contribuirá ao coñecemento da historia tudense nesa época. Amais, aínda pendente de precisar a datación, atopáronse outras pezas cerámicas e pétreas, pavimentos e muros, que deixan a luz parte da historia da cidade. 

Estas escavacións enmárcanse no proxecto impulsado polo Concello para corrixir os problemas de afundimento e deterioro detectados na praza, derivados do mal estado das antigas canalizacións de pluviais. O obxectivo inicial das obras é garantir a seguridade e unha correcta evacuación das augas mediante a renovación integral do saneamento e da pavimentación do espazo.

Porén, os achados arqueolóxicos supoñen un punto de inflexión na intervención. O Concello, en colaboración coa Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, adaptará o proxecto de reforma para compatibilizar as actuacións de infraestrutura coa conservación, recuperación e posta en valor do patrimonio histórico atopado.

No proxecto traballa un equipo técnico multidisciplinar integrado por enxeñeiros, arquitectos, arqueólogos e historiadores, co propósito de garantir a máxima rigorosidade técnica e científica en todas as fases do proceso.

O alcalde, Enrique Cabaleiro, manifesta que “estes achados confirman, unha vez máis, a riqueza patrimonial que agocha o subsolo tudense. A nosa obriga é protexela, e facela visible e accesible á cidadanía”, subliñando o compromiso do Concello coa conservación do legado histórico da cidade.

O equipo técnico a cargo da redacción do proxecto está a estudar xa a forma de integrar a muralla e os restos arqueolóxicos atopados no proxecto final da praza, de xeito que o espazo público manteña a súa funcionalidade urbana e, ao mesmo tempo, se converta nun ámbito de interpretación e divulgación do pasado romano e medieval de Tui.

O Concello reafirma así a súa vontade de actuar con máxima transparencia, respecto ao patrimonio e colaboración interinstitucional, convencido de que este proxecto contribuirá a enriquecer a identidade cultural e turística da cidade, poñendo en valor un legado que durante séculos permaneceu oculto.

Publicacións Relacionadas