O PORRIÑO, 30 de outubro de 2026. Con motivo do luto nacional decretado, o Concello do Porriño anunciou a modificación das datas de celebración da programación do Samaín 2026. Deste xeito, a totalidade das actividades previstas trasladaranse ao domingo 1 de novembro, mantendo o programa de propostas terroríficas e culturais deseñadas para toda a veciñanza.
A gran atracción desta edición será a transformación da propia Casa Consistorial nun emocionante Túnel do Terror. O percorrido, de arredor de 30 metros, discorrerá polos espazos nobres do emblemático edificio deseñado por Antonio Palacios a principios do século XX, como as escaleiras meirandes ou o Salón de Plenos. Baixo a temática dun “inverno terrorífico”, a experiencia abrirá as súas portas o domingo ás 18:00 horas (priorizando ás familias no primeiro tramo) e repartiranse tickets numerados para axilizar a agarda. A entrada é de balde e recoméndase que a rapazada menor de oito anos acuda acompañada.
O alcalde do Porriño pide comprensión polo cambio de data e explicou que en vez de suspender as actividades decidiuse adialas en vista da ilusión da cativada por estas datas. Trasládase tamén ao domingo o espectáculo “Parade Anubis”, a cargo da recoñecida compañía internacional Pablo Méndez Performances, que percorrerá o espazo urbano con acrobacias, música inmersiva e estruturas inspiradas no Antigo Exipto.
Así mesmo, a rúa acollerá a xa tradicional exposición de calacús promovida pola Concellería de Educación e a OMIX.Este ano bateuse un récord de participación con 331 calacús orixinais elaborados por 687 escolares do municipio, xunto con usuarios de Aceesca e Afaga. A mostra estenderase dende a fonte do Cristo ata o barrio de San Bieito.
Coa adaptación ao domingo 1 de novembro, as familias poderán retirar as súas cabazas decoradas a partir das 21:00 horas do mesmo domingo. As pezas que non sexan recollidas retiraranse o luns 2 de novembro a partir das 8:00 horas polo servizo de limpeza municipal para a súa correcta reciclaxe.

