– A infraestrutura conectará o aparcadoiro disuasorio de Vilavella co paseo fluvial, fomentando a mobilidade sustentable e reducindo o tráfico no centro urbano. O proxecto prioriza a accesibilidade universal e o respecto ambiental, e non afectará ao leito do río.
– A alcaldesa Digna Rivas destaca que a obra “humaniza a contorna e ofrece unha alternativa segura e amable para que a veciñanza acceda ao centro sen depender do coche”. A pasarela salvará o río sen apoios no leito, protexendo así o ecosistema fluvial. A estrutura terá unha estética integrada na paisaxe con varandas de madeira.
O Concello de Redondela anuncia o proxecto de execución dunha nova pasarela peonil sobre o río Maceiras que permitirá unir o aparcadoiro disuasorio de Vilavella co paseo fluvial. O obxectivo é crear un itinerario peonil “directo, seguro e accesible” que conecte ambas as marxes do río. A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, sinalou que esta actuación “é un paso máis na nosa aposta por unha vila máis humana e habitable”. Segundo explicou a rexedora, “con esta pasarela non só facilitamos o estacionamento, senón que transformamos un traxecto que antes era incómodo nun paseo agradable pola beira do río”. O obxectivo é que Redondela sexa “un espazo onde o peón sexa o protagonista, garantindo que calquera persoa, teña ou non problemas de mobilidade, poida desprazarse con total seguridade e confort”.
Un deseño accesible, integrado e respectuoso coa contorna. A actuación afectará a unha superficie total de aproximadamente 100 m², dos cales 16,20 m² corresponden á propia estrutura da pasarela. O deseño minimiza o impacto ambiental e a pasarela salvará o río sen necesidade de instalar apoios no leito, protexendo o ecosistema fluvial. A estrutura contará con cimentacións de formigón armado e unha estética integrada na paisaxe, con varandas de madeira. As proteccións terán unha altura de 1,10 metros. A nova pasarela permitirá unha accesibilidade “universal”, con pendentes suaves que facilitan o tránsito de persoas con mobilidade reducida.
O proxecto financiarase a través do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra. O orzamento para a licitación ascende a 24.254 euros.

