O Concello outorga a Beatriz Queiro o recoñecemento “Orgullo redondelán”

adminON
Lectura mínima de 3

– A taekwondista acaba de gañar a medalla de bronce no Mundial de Poomsae de Hong Kong na modalidade de parellas na categoría + de 60 anos. Este mediodía recibiu o diploma “Orgullo redondelán” e a insignia do Concello de mans da alcaldesa, Digna Rivas, e o concelleiro de Deportes, Iván Valles.

– Para a alcaldesa é “un exemplo de que non importa a idade, senón os soños e as metas que nos marquemos, porque na vida sempre hai que ter ilusións”. Queiro amosouse “moi ilusionada e contenta” por este recoñecemento. A próxima cita para a taekwondista será o día 22 de decembro, no Open Internacional de Ourense.

O Concello de Redondela acolleu este mediodía a recepción á taekwondista Beatriz Queiro, do Ximnasio Escola Omnihum de Redondela acompañada por Alfonso Míguez, do Ximnasio Escola Omnihum de Redondela. Queiro acaba de gañar a medalla de bronce no Mundial de Poomsae de Hong Kong na modalidade de parellas na categoría + de 60 anos xunto ao catalán José Manuel Marín.

A deportista, de 62 anos, recibiu o diploma “Orgullo redondelán” e a insignia do Concello de mans da alcaldesa, Digna Rivas, e o concelleiro de Deportes, Iván Valles, como “recoñecemento e homenaxe” polo seu traballo e méritos deportivos a nivel internacional. Para a alcaldesa é “un luxo” que este municipio conte con mulleres deportistas “no máis alto nivel do taekwondo mundial”. A alcaldesa destacou de Beatriz que é “un exemplo de que non importa a idade, senón os soños e as metas que nos marquemos, porque na vida sempre hai que ter ilusións”.

A taekwodista amosouse “moi ilusionada e contenta” por este recoñecemento por parte do Concello de Redondela. Queiro segue “coas mesmas gañas” que cando comezou neste deporte, hai xa 30 anos, nos que acadou tamén un bronce no Campionato de Europa de Poomsae de 2015 e participou no Campionato Internacional de México en 2014, no que acadou quinto posto. O seu obxectivo é seguir sumando títulos a nivel individual. O deporte é parte fundamental da súa vida, xa que ademais de adestrar e competir ao máis alto nivel do taekwodo, tamén é monitora de xinmasia en Omnihum. Beatriz Queiro recomenda á xente de todas as idades que practiquen algún deporte “porque o importante é estar en movemento para gozar dunha boa saúde a nivel físico e mental”. A próxima cita para a taekwondista será o día 22 de decembro, no Open Internacional de Ourense.

Comparte este artigo