HomePontevedraO BNG de Vigo pide rectificar a exclusión da diversidade nas subvencións...

O BNG de Vigo pide rectificar a exclusión da diversidade nas subvencións de Igualdade

- Anuncio -spot_img

A fronte nacionalista ­­denuncia que o Goberno local eliminou “sen explicación” toda referencia a este criterio nas bases das axudas para entidades sen ánimo de lucro

Ana Martínez: “Parece máis unha decisión dun executivo de PP-Vox que dun goberno que se di progresista, feminista e comprometido cos dereitos do colectivo LGBT”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) pide rectificar a exclusión da diversidade afectivo-sexual na convocatoria de subvencións da concellaría de Igualdade. A fronte nacionalista ­­denuncia que o Goberno local eliminou “sen explicación” toda referencia a este criterio nas bases das axudas para entidades sen ánimo de lucro destinadas a programas de promoción das mulleres.

Así o denunciou este luns a concelleira do BNG de Vigo, Ana Martínez, quen rexeitou  esta decisión  —“sen precedentes e que se toma pola porta de atrás”— por considerala un “vergoñento paso atrás” e un “golpe inxusto” aos dereitos das mulleres lesbianas, bisexuais e trans. Criticou a ese respecto que a atención á diversidade fose eliminada da exposición de motivos, dos obxectivos estratéxicos e das áreas de prioridade.

“Xusto neste momento no que é necesario destinar máis esforzos e recursos para combater os discursos reaccionarios e de odio que as pretenden invisibilizar e reprimir”, lamentou. “Parece máis unha decisión dun executivo de PP-Vox que dun goberno que se di progresista, feminista e comprometido cos dereitos do colectivo LGBT”, reprochou a edil nacionalista.


Martínez subliñou que esta exclusión contradí ademais os propios plans do Concello, como o Plan Estratéxico de Subvencións 2024-2026, e ignora a realidade das persoas que sofren discriminacións múltiples. “Non se pode falar de igualdade cando se deixan de lado a tantas mulleres que necesitan dun apoio específico para combater a exclusión e que son obxecto de diferentes formas de violencia”, valorou.

Dende o Bloque esixiron por estes motivos unha rectificación inmediata do Goberno municipal para restaurar estes criterios de diversidade nas subvencións, atendendo as necesidades dos colectivos e dando resposta a unha realidade social diversa e plural. “Non podemos tolerar que Vigo retroceda en dereitos”, reivindicou a concelleira do BNG, chamando a un compromiso real coa diversidade.“De nada serve izar a bandeira do arco da vella o 28 de xuño se despois o Goberno municipal lle vira as costas e dificulta o acceso á única liña de axudas do Concello para estas entidades”, remachou.

Publicacións Relacionadas