• A primeira fase da actuación, valorada en máis de 600.000 euros, contempla a ampliación da EDAR de Baltar e dotación de novas infraestruturas en Faramontáns, ademais de supoñer un paso inicial para habilitar as canalizacións no núcleo de A Igrexa
• O alcalde, Jacobo Pérez, lembra que a dotación de servizos básicos no rural caldense é un dos obxectivos primordiais do Goberno local e que se está a avanzar para completar esta folla de ruta
O Concello de Caldas de Reis segue avanzando á hora de completar a súa folla de ruta no que á dotación de mellora en infraestuturas no rural se refire, co obxectivo de garantir servizos básicos nas parroquias. O alcalde, Jacobo Pérez, deu a coñecer hoxe os detalles do primeira fase do proxecto para a implementación de saneamento en San Clemente. Trátase dunha actuación que se levará a cabo en Baltar, Faramontáns e na contorna da Igrexa, dando resposta, deste xeito a unha demanda histórica por parte da veciñanza.
Este proxecto contará cun orzamento que supera os 640.000 euros (IVE engadido) e financiarase a través de fondos provintes do programa +Provincia da Deputación de Pontevedra, correspondente á convocatoria de 2025. Deste xeito, o Concello continúa a traballar na instalación de redes de colectores e infraestruturas que potencien e amplíen os servizos de tratamento de augas residuais ou abastemento no rural. Hai que lembrar que no que vai de ano xa se impulsou a ampliación de saneamento noutros núcleos como Saiar ou Soutelo de Abaixo.
En San Clemente, “o que pretendemos é ir completando a rede de servizos básicos na parroquia”, explica o rexedor caldense, que garante que esta obra suporá “unha mellora moi importante das prestacións para un gran número de veciños e veciñas”. Unha vez se faga realidade o proxecto moitas vivendas que actualmente carecen deste servizo, e que utilizan pozos negros, poderán conectarse aos novos colectores, co que se evitarán problemas de salubridade ou posibles verquidos. Unha das actuacións chave deste proxecto será a ampliación da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Baltar. Tal e como recorda Jacobo Pérez, a modernización desta infraestrutura é un “paso imprescindible”, xa que conta con preto de 20 anos de antigüidade e xa se atopa ao límite da súa capacidade. Actualmente, presta servizo aos núcleos de Baltar, Cesar, Cesariños, Asar, Campelo e Souto. Unha vez estean as obras concluídas, estímase que a capacidade da depuradora será suficiente para dar servizo a uns 600 usuarios e usuarias aproximadamente. Para a súa ampliación ocuparanse terreos anexos que son de titularidade municipal, tal e como se reflicte nos informes técnicos.
Nesta primeira fase do proxecto, ademais, tamén se contempla a dotación dunha Estación de Bombeo de Augas Residuais (EBAR) no lugar de Faramontáns, que servirá para enviar as augas ata a EDAR de Baltar. Aquí tamén se instalarán máis tramos de colector e ramais para garantir que o servizo chegue a practicamente todo o núcleo. Por último, esta actuación inicial tamén deixará asentadas as bases para permitir que se consolide o servizo de tratamento de augas residuais na contorna de A Igrexa, dando así resposta a unha demanda histórica da veciñanza. “Estamos a falar dun proxecto moi ambicioso que suporá un antes e un despois para os e as habitantes da parroquia de San Clemente”, apunta o alcalde, que explica que xa se solicitaron os permisos pertinentes ante as Consellerías de Patrimonio e de Industria, así como no departamento de Augas de Galicia. O proxecto tamén foi remitido á Deputación de Pontevedra e “agora estamos á espera de que nos dean luz verde para poder iniciar a licitación.
Prevese que o prazo de execución das obras sexa de cinco meses. Pérez Gulín salienta unha vez máis que “pouco a pouco imos sacando cara adiante proxectos que xa estaban contemplados e que supoñen unha mellora importante para a calidade de vida da veciñanza, neste caso no noso rural”.