A formación comezará o 2 de novembro na Escola Obradoiro, en Goián. A OMIX ofrece información sobre esta e outras propostas para seguir aprendendo ao longo do ano.
Coas prazas xa cubertas, o curso gratuíto de introdución á lingua e á cultura galegas impulsado polo Concello de Tomiño comezará o vindeiro 2 de novembro na Escola Obradoiro, en Goián. A boa resposta á convocatoria reflicte o interese por unha formación que facilita un primeiro contacto co idioma e ofrece ferramentas para empregalo en situacións da vida cotiá.
A actividade está dirixida a persoas maiores de 16 anos que se achegan por primeira vez ao galego, sen necesidade de contar con coñecementos previos; e desenvolverase ata o 18 de novembro, en horario de 17.00 a 20.00 horas, cun total de 20 horas de formación e entrega dun diploma ao rematar.
Durante as sesións abordaranse contidos de fonética, gramática, ortografía e vocabulario, xunto con recursos para comprender e expresarse en galego no día a día. A proposta permitirá tamén coñecer mellor a cultura galega e compartir a aprendizaxe con outras persoas que están a dar os seus primeiros pasos no idioma.
A concelleira de Normalización Lingüística, Ana Isabel Fernández, destaca que «queremos que todas as persoas que teñan interese en aprender galego atopen facilidades para facelo, con independencia da súa procedencia ou dos seus coñecementos previos. Este curso é unha oportunidade para gañar confianza e incorporar pouco a pouco a lingua ás conversas do día a día». A concelleira valora a resposta a convocatoria e sinala que «ter todas as prazas cubertas antes de comezar anímanos a seguir promovendo propostas que acheguen o galego á veciñanza e creen máis ocasións para usalo».
A iniciativa, que conta coa colaboración da Xunta de Galicia e da Rede de Dinamización Lingüística, forma parte do compromiso municipal coa promoción do galego e cunha formación accesible que responda aos intereses da poboación.
A OMIX, unha porta aberta a novas oportunidades de formación
Aínda que as prazas deste curso xa están completas, as persoas interesadas en participar neste tipo de actividades poden informarse na Oficina Municipal de Información Xuvenil de Tomiño sobre novas convocatorias, cursos e obradoiros de diferentes ámbitos.
O Concello anima a veciñanza a contactar coa OMIX e a seguir as súas redes sociais e as canles municipais para coñecer as propostas que se difunden ao longo do ano, así como os requisitos e os prazos de inscrición. Unha forma de estar ao día e aproveitar novas oportunidades para aprender e participar.

