HomePontevedraO exitoso programa “Redondela viaxa” organiza unha excursión a Celanova, Vilanova dos...

O exitoso programa “Redondela viaxa” organiza unha excursión a Celanova, Vilanova dos Infantes e Ourense

- Anuncio -spot_img

– O Concello de Redondela retoma as viaxes para maiores, unha iniciativa que é acollida con entusiasmo pola poboación de máis de 55 anos. “Redondela viaxa” desprazou este ano a preto de 900 maiores nas saídas a Padrón-Santiago e Barcelos-Viana. A alcaldesa, Digna Rivas, confía que esta terceira excursión a terras ourensás sexa tamén “un éxito de participación”.

Tras o éxito de anteriores edicións das viaxes para maiores, o Concello de Redondela segue organizando visitas guiadas. Logo das excursións que se fixeron na primavera a Santiago, Barcelos e Braga, entre outros destinos, a próxima saída será a Celanova, Vilanova dos Infantes e Ourense. Haberá tres datas, os días 29 de setembro e 1 e 3 de outubro. O prazo de inscrición está aberto do 15 ao 19 de setembro na Oficina de Turismo, rúa Isidoro Queimaliños. O único requisito é estar empadroado en Redondela e ter máis de 55 anos.

A alcaldesa, Digna Rivas, explica que as viaxes fanse en varias datas coa intención de que chegar “ao máximo número de persoas posible, e que todos e todas teñan a oportunidade de saír, coñecer lugares de interese e facer actividades”.

En Celanova visitarán a Praza Maior e o mosteiro de San Salvador. En Vilanova dos Infantes accederán á Torre da Homenaxe e farase un paseo polo burgo medieval. Tamén visitarán a Cova de San Vivián onde hai un centro expositivo sobre os zapateiros. Na cidade de Ourense as visitas serán ás Burgas, Praza Maior e Igrexa de Sta Eugenia. O programa, dependente da concellería de Maiores que dirixe Iria Vilaboa, pon especial coidado en elixir os destinos “para gozar de excursións dun día de duración a lugares de interese cultural, histórico e patrimonial”, informa a edil.

As viaxes realízanse en temporada baixa e cun prezo reducido “para facilitar que todas as persoas que o desexen poidan participar”. Todas as saídas contan con guías oficiais de turismo que acompañan aos grupos, e desde o Concello de Redondela agradecen tamén a colaboración dos municipios que visitan “onde nos reciben cos brazos abertos e facilitan as visitas aos lugares de interese desde as súas oficinas de información turística”.

Publicacións Relacionadas