HomePontevedraO galego dáche o punto aterra un ano máis no concello de...

O galego dáche o punto aterra un ano máis no concello de Soutomaior

- Anuncio -spot_img
  • O concello de Soutomaior presenta á programación nas artes escénicas da campaña de Normalización Lingüística GOZA DO TEU PUNTO G, O GALEGO DÁCHE UN PUNTO deste 2026.   
  • Un calendario de actuacións que dará comezo este venres, 27 de febreiro co monólogo ORILLE de Pepo Suevos ás 20:30h no Multiúsos de Arcade.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, e a técnica de Cultura do Concello, Sonia Pintos, presentaron hoxe a programación para as artes escénicas que nos achega, dende normalización Lingüística, a campaña Goza do teu Punto G, o galego dáche un punto.

Tal e como afirmou Manu Lourenzo “con esta campaña animamos a toda a veciñanza a Gozar do seu punto Galego nas artes escénicas, na música e no seu día a día e por iso, un ano máis, levaremos adiante actividade e iniciativas de promoción do galego na administración pública e actividades de normalización lingüística que traerán a Soutomaior algunhas das principais referencias artísticas do noso país que nos van  dar un punto en galego e animarannos a gozar dese punto G do idioma”.

O Concello de Soutomaior impulsará accións a través das áreas que  proxectan e conectan directamente coa cidadanía impulsando o galego na escena, ofertando unha axenda municipal  na que programaremos espectáculos teatrais dirixidos ao público adulto, á mocidade e ao infantil familiar con propostas de grandes compañías como Ibuprofeno Teatro, Excéntricas, Gallaecia Eventos, A Covas da Letras, Galitoon ou tamén aterrarán en Soutomaior monologuistas da talla de Pepo Suevos, Oswaldo Digón, Aratxa Treus e Jazmín Abuín, Quico Cadaval, Evaristo Calvo ou Leti da Tabera ou narradoras orais como Vero Rilo.

Todos estes espectáculos serán de balde ata completar o aforo, o espazo onde se celebrarán estas citas coas artes escénicas será o Multiúsos de Arcade.

Un calendario de actuacións que comezará xa este venres 27 de febreiro co monólogo ORILLE de Pepo Suevos. Unha cita que dará comezo ás 20:30h., apertura de portas ás 20:00h. Neste monólogo Pepo Suevos nos mete na historia dunha viaxe que prometía ser moi tranquila de Santiago a Baños de Molgas, pero foi entón cando se lle cruza o destino… e ía vestido de verde!!! Aquel día foi o peor inimigo da Garda Civil e das normas de Tráfico… Se queredes coñecer o resultado desta divertida historia vémonos este venres, ás 20:30h., no Multiúsos de Arcade.

Publicacións Relacionadas