HomeO MorrazoBueuO goberno bueués aproba inicialmente o rozamento xeral para o ano 2025

O goberno bueués aproba inicialmente o rozamento xeral para o ano 2025

- Anuncio -spot_img
  • O documento saíu adiante cos votos a favor dos grupos do BNG e PSOE, mentres que o PP e o edil non adscrito se manifestaron en contra
  • O concelleiro de facenda defendeu que “é un orzamento de transición para cubrir este 2025 e que nos serve de base para o de 2026 que agardamos tramitar nos primeiros meses do ano”
  • O orzamento supera os 11,6 millóns de euros tanto no capítulo de gastos como no de ingresos, unha nova cifra récord para o Concello de Bueu

A corporación municipal de Bueu celebrou este mércores, 29 de outubro, unha sesión plenaria extraordinaria na que se aprobou inicialmente o Orzamento Xeral do Concello, o cadro e o anexo de persoal para o exercicio 2025, que saíu adiante cos votos a favor dos grupos do goberno (BNG e PSOE), mentres que o PP e o edil non adscrito se manifestaron en contra.

O documento publicarase agora no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO), tras o que se abrirá un período de exposición pública de quince días para a presentación de alegacións, despois do cal se aprobará definitivamente.

O orzamento ascende a 11,6 millóns de euros no capítulo de gastos, e a mesma cantidade na parte de ingresos. Como avanzan dende o goberno local, e en palabras de Xosé Leal, concelleiro de facenda, “é un orzamento de transición para cubrir este 2025 e que nos serve de base para o de 2026 que agardamos tramitar nos primeiros meses do ano”. Leal insistiu durante a súa intervención en que o presuposto “é o máis alto da nosa historia, pois tamén recolle os investimentos doutras institucións como a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra ou o crédito solicitado para facer fronte ás obras do Pavillón Municipal de Beluso”.

Neste 2025 destacan en gastos os investimentos sociais para a cultura, o benestar e o deporte. Así mesmo, tamén se incrementan os investimentos reais, con máis de tres millóns de euros, acollendo proxectos xa en execución como a reforma integral do Pavillón Municipal de Beluso, o saneamento e abastecemento en Bon de Abaixo, o vial da Torre, na Roza, e os do Enleito e Murráns, ademais do aparcadoiro do Pavillón Pablo Herbello. Tamén se recollen outros proxectos próximos a comezar como o Parque Urbano Lugrís, o abastecemento e saneamento en Cela e a urbanización de camiños.  Na parte social, destacan os investimentos no Servizo de Axuda no Fogar, o Servizo de Atención Temperá, as ximnasias en varios lugares da vila, e as axudas e subvencións a colectivos, cunha incidencia especial no Plan Madruga e comedores escolares. O gasto de persoal, pola súa banda, sitúase en máis dun 35%, pois inclúe a implementación das melloras da Relación de Postos de Traballo (RPT). 

En canto aos ingresos, o Concello ten por diante o reto de xerar máis recursos e buscar novas fórmulas para seguir a medrar. Se as contas municipais poden chegar a contía tan alta deste 2025 débese a que o goberno local leva nos últimos anos levando a cabo diversas políticas para mellorar a súa capacidade de xerar máis recursos. Neste aspecto neste orzamento os impostos directos están desglosados en 1.702.350 euros polo IBI (14,59%), Imposto de Actividades Económicas 150.000 euros (1,29%), o Imposto de Vehículos, 500.000 euros (4,29%), ou as Plusvalías con 125.000 euros (1,07%). Mellora tamén a capacidade de ingresos nun 33,33% en canto ao ICIO con 300.000 €, o que demostra o bo momento que vive o sector da construción na vila bueuesa. No referido ás taxas, prezos públicos e outros ingresos a suba dun 23,96% débese a, por unha banda, o proceso de concesión de nichos e columbarios nos cemiterios de Bueu e Beluso ou a suba nas ocupacións de vía pública, ademais de concreción de prezos públicos para determinadas actividades que anteriormente se facían de balde. Neste aspecto o vindeiro ano será clave a licitación da piscina municipal xa que se preverán tamén os ingresos deste servizo que conta con gran aceptación a día de hoxe.

Daniel Durán, concelleiro non adscrito, foi o primeiro en tomar a palabra dende a oposición para botarlle en cara ao goberno local que “un ano máis estamos a finais de outubro aínda co orzamento sen aprobar, e sempre chegades cos deberes tarde”. O edil lembra que “mentres suben as gratificacións da Policía Local, baixades as contías das subvencións aos colectivos”. Na mesma liña interveu Elena Estévez, voceira do PP, quen manifestou que “deberiamos estar debatendo os orzamentos de 2026, pois o que se trae aquí é unha execución do gasto, polo que estamos ante políticas de feitos consumados e o orzamento non vai ter case vixencia”.

O debate rematouno Félix Juncal, alcalde da vila, quen resumiu que “estes orzamentos son un reflexo da situación financeira e económica do Concello”.

O pleno tamén aprobou por unanimidade a modificación de créditos para atender o convenio coa Deputación de Pontevedra en relación ás obras de mellora da EP 1306 entre Ermelo e A Portela, que supón unha actuación moi importante para a veciñanza do lugar. No caso da aprobación da plantilla de persoal, unida aos orzamentos, contou cos votos a favor de BNG e PSOE, a abstención do PP e en contra do edil non adscrito. E, por último, tamén formou parte da orde do día a aprobación da conta xeral do 2024, que se aprobou cos votos a favor de BNG e PSOE, en contra do PP e a abstención do edil non adscrito.

Publicacións Relacionadas