O Goberno local lamenta que o PP de Soutomaior se posicione, unha vez máis, do lado do Goberno Galego e non do lado das veciñas e veciños do concello, que van ser os principais afectados por esta decisión unilateral da Xunta de Galicia.
O Goberno Local lamenta que a Xunta de Galicia sega a subir impostos que afectan aos concellos, e, polo tanto, a veciñanza de Soutomaior. Primeiro foi co catastro e co PXOM, despois co canon da auga e agora con Sogama.
Manu Lourenzo explicou esta mañá en pleno que se trata dunha suba imposta pola Xunta que afectará ás taxas que pagan os veciños e veciñas de Soutomaior polo tratamento dos seus residuos. Lourenzo advertiu que esta medida obrigará aos concellos a aprobar modificacións das ordenanzas fiscais porque as novas taxas téñense que repercutir nos recibos que pagan as e os usuarios.
Sobre a suba do canon de Sogama, o alcalde lamentou que “o único seguro agora mesmo é que con esta medida da Xunta a que vai saír perdendo unha vez máis é a veciñanza de Soutomaior, que terá que pagar os sobrecustes dunha xestión ineficiente”.
Manu Lourenzo lembrou nesta xornada que a aprobación da modificación de crédito, que hoxe foi aprobada no pleno, permitirá facer fronte á suba do canon de Sogama. Esta suba de impostos da Xunta, sumada aos custos asociados ao novo contrato de recollida de residuos que terá que firmar o Concello, podería chegar a triplicar o recibo do lixo para os veciños e veciñas de Soutomaior.
O alcalde sinalou que “a oposición leva toda a vida criticando que imos subir os impostos e as taxas pero agora son eles os que aplican unha suba de impostos á veciñanza de Soutomaior. A normativa estatal impídenos aplicar bonficacións no recibo do lixo, polo que esta suba de impostos da Xunta repercutirá de maneira directa e completa aos petos dos veciños e veciñas de Soutomaior”.
Manu Lourenzo tamén fixo fincapé en que a primeira transferencia que consegue a Xunta de Alfonso Rueda é a do lixo con SOGAMA, “o que deixa patente e claro que é a Xunta de Galicia a que vai a subir este importo que terán que pagar os concellos e como consecuencia as veciñas e veciños de Soutomaior”.

