O grupo de traballo de benestar e igualdade do PP de Pontevedra reúnese para analizar a problemática social da cidade e preparar o 25N

adminON
Lectura mínima de 3

• Junco reúne ao comité de benestar e igualdade da agrupación local para analizar os principais problemas nesta materia no concello de Pontevedra

• Os populares presentan as súas liñas mestras para complementar as actividades do 25N e elaboran propostas para combater o deixamento do goberno local nos asuntos sociais

O Partido Popular de Pontevedra continúa coas reunións dos grupos de traballo, neste caso, a de benestar social e igualdade; encontros moi necesarios para abordar a problemática dunha cidade que xa en 2017, recibiu o galardón “Corazón de pedra” polo seu pésimo investimento social.

A concelleira Silvia Junco volveu a reunir ao grupo de traballo do Partido Popular que preside. Esta reunión reforza o compromiso da edil e o seu equipo co benestar dos pontevedreses, centrando a súa atención nos colectivos máis vulnerables e na atención aos mesmos por parte do Concello de Pontevedra.

O encontro contou coa incorporación de tres novos membros, dous mozos comprometidos coa igualdade e outra profesional do ámbito social da cidade. Todas elas achegaron a súa visión sobre as diferentes problemáticas xa coñecidas na Boa Vila, pero que “o goberno local parece non ter interese en emendar”.

Durante esta quinta reunión, trazáronse as pautas e prioridades que guiarán o traballo do grupo durante os próximos meses. Levouse a cabo unha análise exhaustiva das principais necesidades e carencias sociais, como é a situación das persoas sen fogar, a falta dunha vivenda acollida, a situación da Unidade Asistencial de Drogodependencias e tamén se fixeron propostas para a celebración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller (25 novembro).

Puidemos comprobar que, ano tras ano, as preocupacións seguen sendo as mesmas: falta de iluminación, o que provoca a “inseguridade total a certas horas e en zonas concretas” da cidade para as mulleres; e a “despreocupación total do goberno do BNG pola situación descontrolada das persoas sen fogar”, que chegaron a agredir aos veciños.

Junco insiste en que reforzar os servizos sociais, ampliar o seu financiamento, dotalos de recursos humanos e materiais é fundamental para que Pontevedra deixe de ser “só un modelo de cidade, e empezo a converterse nunha localidade accesible e eficaz, evitando que ningunha persoa que o necesite, quede sen o apoio adecuado”.

A popular destacou a importancia da inclusión de novas voces e perspectivas nestas comisións, subliñando que o compromiso do Partido Popular co benestar social e a igualdade seguirá sendo unha prioridade na súa axenda.

Comparte este artigo