- A alternativa que o Goberno de España entende como a máis recomendable require a ampliación da A-52 ata Vigo coa execución dun túnel, e isto conleva un altísimo impacto territorial, ademais do corte de vías municipais estruturantes e múltiples afeccións a viadutos e augas.
- “Por riba, a obra proposta conta cun alto custe económico de execución, que acada preto de 400 millóns de euros”, indicaron os populares.
- Desde o PP Provincial solicitan tamén a inmediata liberalización da peaxe do tramo Porriño- Puxeiros da AP-9 que transcurre alternativamente á autovía A-55.
Os deputados provinciais do PP de Pontevedra veñen de rexistrar unha moción solicitando ao Goberno de España que, con carácter urxente, propoña novas alternativas ao trazado proposto para a autovía A-52, pola grave afección que provoca aos concellos de Vigo e Mos, ademáis de solicitar tamén a inmediata liberalización da peaxe do tramo Porriño-Puxeiros da AP-9 que transcurre alternativamente á autovía A-55.
O Grupo Provincial do PP de Pontevedra presentou esta moción polo grave impacto que o novo trazado proposto polo Goberno central para autovía A-52 provoca no territorio da provincia, e sen que houbera información previa a todos os concellos afectados.
O pasado día 18 de decembro de 2024 o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible anunciaba no Boletín Oficial do Estado (BOE) que sometía a información pública o documento técnico e estudo de impacto ambiental do proxecto do novo trazado da autovía A-52 (Rías Baixas).
Dende o PP provincial indícase que non hai dúbida sobre a necesidade de darlle solución á perigosidade da autovía A-55 dada a súa alta siniestralidade. Pero esta solución, se se quere que sexa inmediata, pasa pola liberalización do tramo Porriño-Puxeiros da autopista AP-9.
A alternativa que o Goberno de España entende como a máis recomendable conleva un altísimo impacto, desde o punto de vista territorial, especialmente respecto da proposta recollida no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) do Concello de Mos e Vigo, ademais do corte de vías municipais estruturantes e múltiples afeccións a viadutos e augas. Ademais dun alto custe económico de execución, preto dos 400 millóns de euros.
“Non é razoable o modo de proceder do Goberno, dado que é evidente que, pese ao forte impacto no seu territorio, fixo partícipe ao concello de Vigo da definición da alternativa proposta pero non tivo ningún tipo de comunicación previa a este trámite cos demais concellos afectados, nomeadamente Mos, que adaptou o seu Plan Xeral ao trazado marcado polo Ministerio de Fomento no ano 2015”, indicaron os populares.
A A-52, tamén denominada autovía das “Rías Baixas”, é unha infraestrutura que une Castela-León con Galicia conectando Zamora, Ourense e Pontevedra coa autovía A-6. O tramo obxecto do estudo amplía o trazado ata Vigo desde a parte final deste itinerario, que actualmente finaliza no municipio do Porriño, na conexión coa autovía A-55.
OS deputados populares esixen tamén ao Goberno de España a inmediata apertura dun período de interlocución, institucional e técnica, con todos os concellos afectados para definir a actuación de modo que sexa respectuosa co territorio, socialmente viable e supoña unha infraestrutura axeitada e segura para a mobilidade da zona.