– A xefa de estudos do centro, Fátima Ferreiro, explica que rematado o ciclo o alumnado acada o título de Técnico superior en Mediación comunicativa, “o que lles permite traballar en servizos ás persoas xordas, xordocegas, con discapacidade auditiva ou dificultades de comunicación, linguaxe e fala”.
– A alcaldesa, Digna Rivas, salienta que se trata dunha moi boa nova “que supón dar pasos cara unha sociedade máis igualitaria e inclusiva”. A integración plena de persoas con dificultades de comunicación, linguaxe e fala fai necesarios profesionais “que posibiliten a súa integración en todos os ámbitos da vida”.
O IES Chapela impartirá o próximo curso 25-26 o Ciclo Superior de Mediación Comunicativa. O de Redondela será o único centro público do sur de Galicia en impartir este ciclo incluído na rama de Servizos á Comunidade. Ata o de agora o alumnado que quería cursar esta especialidade nun centro público tiña que desprazarse á Coruña. A xefa de estudos do centro, Fátima Ferreiro, explica que rematado o ciclo o alumnado acada o título de Técnico superior en Mediación comunicativa, “o que lles permite traballar en servizos ás persoas xordas, xordocegas, con discapacidade auditiva ou dificultades de comunicación, linguaxe e fala”. A lingua de signos é un dos eixos desta formación, que tamén facilita outros recursos e ferramentas para establecer procesos de comunicación fluída, accesible e clara entre persoas con diversidade funcional.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, salienta que se trata dunha moi boa nova para Redondela e toda a bisbarra, xa que permitirá ao alumnado interesado nesta rama dos servizos sociais poder cursar esta especialidade nun centro público. A rexedora entende que se trata dunha formación “moi necesaria e beneficiosa para o conxunto da cidadanía, xa que supón dar pasos cara unha sociedade máis igualitaria e inclusiva”. Rivas apunta que formar profesionais no ámbito da Mediación Comunicativa é fundamental “para o desenvolvemento e aplicación dos dereitos das persoas con discapacidade auditiva, visual e comunicativa”. Segundo a alcaldesa “é unha obriga para as administracións e para a sociedade en xeral garantir a accesibilidade das persoas con dificultades de comunicación a unha vida normalizada e participativa en plenitude”. A maior participación social de persoas con dificultades de comunicación, linguaxe e fala fai necesario unha figura profesional “que posibilite a súa integración en todos os ámbitos da vida”. Por iso poden contar con esta formación nun centro público como o IES de Chapela “é un verdadeiro luxo”, conclúe a alcaldesa.
Os servizos que prestan os técnicos e técnicas superiores en Mediación Comunicativa inclúen os ámbitos asistenciais, educativos, sociolaborais, psicosociais e de apoio nas xestións básicas. Tamén exercen a súa actividade no sector dos servizos á comunidade, nos ámbitos da dinamización comunitaria e na promoción de igualdade de oportunidades con estes colectivos de persoas.
O prazo de presentación de solicitudes de admisión comeza o luns 16 de xuño ás 9:00 horas e remata o 2 de xullo ás 13:00 horas a través da aplicación Ciclos Admisión (www.edu.xunta.gal/ciclosadmision/).