O alcalde Manu Lourenzo sinalou que o Goberno local dá un novo paso no seu plan de asfaltados nas vías de titularidade municipal e confirma que nos vindeiros días dará comezo o asfaltado no campo de Salgueirón.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, e os concelleiros Pablo Garrido e Charo Bouzón achegáronse este mércores ata o barrio de Moreira, onde deron comezo os traballos para levar a cabo o asfaltado na estrada de Auxil. Trátase dun dos tres asfaltados que integran a tripa actuación que o Goberno de Soutomaior anunciou para os barrios de Moreira e Lourido e o campo de fútbol de Salgueirón. Unha importante actuación que contará en total cun investimento aproximado de 70.000 euros.
Os asfaltados nos barrios de Moreira e Lourido e no campo de Salgueirón, que o alcalde Manu Lourenzo confirmou que comezará nos vindeiros días, súmanse así aos xa realizados durante o pasado ano no barrio da Feira, nas rúas de Cochón e da Lavandeira; na estrada que conecta o barrio de Moreira co Viso, en Redondela; e o máis recente, o da estrada que une os barrios de Romariz e Comboa, entre outros. O Goberno de Soutomaior tamén anunciou que levará a cabo o arranxo da estrada principal do Val-Sobral. Unha actuación que tamén leva aparellada a reurbanización e humanización deste núcleo rural.
Ao tempo que se leven a cabo os asfaltados, o Goberno de Soutomaior está a aproveitar estas actuacións para levar a cabo a limpeza de cunetas e o desatascamento das tubaxes que pasan por debaixo de cada unha das estradas que se arranxen, levando así a cabo un mantemento do sistema de pluviais.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que o obxectivo principal deste plan de asfaltados en estradas municipais que se está a levar a cabo en varias fases é subsanar de maneira completa os numerosos desperfectos que desde hai anos presentan estas vías. “Estamos a mellorar pouco a pouco as estradas e vías municipais e polas que cada día circulan centos de veciños e veciñas. Trátase dunha actuación integral nos barrios de Soutomaior que se desenvolverá en varias fases, co obxectivo de chegar a todos os puntos do concello”.
“No Goberno de Soutomaior estamos convencidos que o rural ten dereito a contar cunhas vías que lles permitan desenvolver o seu día a día nas mellores condicións. No canto de realizar simples bacheados, estamos a realizar un importante esforzo para facer asfaltados completos e que os nosos veciños e veciñas conten cunhas estradas municipais que lles permitan desprazarse sen dificultades para traballar, desfrutar do seu tempo libre e que dean acceso a servizos básicos esenciais”, concluíu Manu Lourenzo.