A medida, da que informou o delegado do Goberno, Pedro Blanco, nunha reunión mantida co alcalde, Jacobo Pérez e con representantes veciñais o pasado luns, vén dada por un erro detectado na tramitación do estudo
Pérez Gulín salienta o traballo de consenso realizado coa veciñanza e incide en que “imos continuar traballando para presentar as alegacións conxuntas necesarias para lograr que Caldas de Reis conte cunha Variante que acabe cos problemas de tráfico do centro urbano sen que sexa a costa de rachar ningún núcleo ou parroquia”
O Boletín Oficial do Estado (BOE) vén de publicar este mércores, 24 de setembro, unha ampliación do período para a presentación de alegacións contra o estudo informativo da Variante Oeste. Esta nova apertura de prazo, que se realiza para subsanar un erro detectado na tramitación do documento, foi xa adiantada polo delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, nunha reunión mantida este martes co alcalde de Caldas de Reis, Jacobo Pérez, e con representantes das plataformas veciñais opositoras ao proxecto tal e como está prantexado na actualidade. O encontro tivo lugar na Coruña e contou coa participación cun dos técnicos responsables do estudo e o director xeral de Estradas de Galicia, Ángel del Río.
O rexedor valora positivamente esta ampliación, xa que “supón unha marxe moi importante continuar presentando alegacións e facilitará que o proxecto definitivo teña un impacto moito máis reducido e limitado, centrándose na construción da propia Variante e sen que inclúa o acceso ao Porto de Vilagarcía”.
Pérez Gulín expresou o seu agradecemento a Pedro Blanco e ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible por promover esta reunión cos representantes veciñais, así como a súa sensibilidade á hora de atender as preocupacións e inquedanzas que os integrantes destes colectivos trasladaron durante a reunión.
Precisamente, o alcalde apelou a esa implicación da veciñanza como un factor decisivo á hora de conseguir esta ampliación do prazo de presentación de alegacións. “O feito de ir todos xuntos da man, na busca dun interese común e sen buscar solucións específicas para cada parroquia, foi chave para detectar o erro na tramitación do estudo. Como alcalde, para min supón un auténtico orgullo esta unión, da que tamén forma parte o Concello, xa que todos buscamos un mesmo obxectivo, que é que se constrúa unha variante que non se traduza en romper núcleos de poboación ou parroquias, afectando a vivendas”, explicou Jacobo Pérez.
O alcalde comprometeuse a continuar traballando da man das plataformas, xa que “aínda queda camiño por percorrer”. En todo caso, valorou positivamente que “agora dispoñamos de máis tempo para elaborar alegacións propositivas e de consenso, de cara a que Caldas de Reis conte no futuro cunha Variante Oeste que poña fin aos problemas de tráfico no centro urbano sen que afecte a outros núcleos”.