O belga Tim Marschang, co-fundador da plataforma de arte urbana ‘Street Art Cities’, achegouse este mediodía a Ramallosa para entregarlle a acreditación oficial a súa artífice, Lula Goce, e ao alcalde de Nigrán, Juan González, ao ser o Concello o seu promotor
““As fotos eran espectaculares pero en directo aínda gaña máis. Este tipo de intervencións unen á cidadanía, non hai ninguén en contra, é imposible, é unánime que embelece ás cidades e que rexenera espazos”, considera Marschang, quen louba a gran afección que existe en España
‘A Dona do Esteiro’ xa ten a acreditación oficial de ser o segundo mellor mural do mundo do ano 2023. O belga Tim Marschang, co-fundador da plataforma de arte urbana ‘Street Art Cities’, achegouse este mediodía á súa ubicación na Ramallosa para entregarlle o título á artífice, a baionesa Lula Goce, e ao alcalde de Nigrán, Juan González, por ser o Concello de Nigrán o seu promotor. A prestixiosa plataforma de arte urbana, presente en 600 ciudades de 80 países, situou a Galicia no 2023 como o maior referente planetario ao respecto ao acaparar os tres primeiros postos (o número 1 foi para Sfhir en Fene, e o 3 para Yoe 33, en Lugo). Os tres impuxéronse na votación popular entre 50 obras distribuídas por todo o mundo (Arxentina, Brasil, Francia, Chile, Italia… ).
“As fotos eran espectaculares pero en directo aínda gaña máis. Este tipo de intervencións unen á cidadanía, non hai ninguén en contra, é imposible, é unánime que embelece ás cidades e que rexenera espazos”, considera Marschang, admirador da obra de Lula Goce desde hai anos e quen louba a gran afección que existe en España. “O nivel de Galicia é espectacular e, a verdade, os españois en xeral saben recoñecelo e sempre participan moi activamente nas votacións, moito máis que outras nacionalidades”, sinala ao tempo que destaca a valía do premio para situar localizacións no mapa mundial da mellor arte urbana. “Os murais desta grandiosidade arrasan en redes sociais e prensa, polo que moven a turistas de todo o mundo para velos en directo”, insiste.
“Triunfou entre a veciñanza desde a súa estrea porque Lula embeleceu espectacularmente unha zona ata entón anodina e agora triunfa internacionalmente tamén grazas ao pulo deste premio; é xa un referente máis do noso municipio e non podemos estar máis orgullosos. Introduciremos melloras na contorna para darlle máis protagonismo”, avanza o alcalde, Juan González. “Estou moi contenta, o nivel dos participantes era moi alto e acadamos unha segunda posición que contribuirá a visibilizar aínda máis a obra e, paralelamente, a dinamizar toda esa zona, porque ese era precisamente o obxectivo”, recoñecía Goce este mediodía.
‘A dona do Esteiro’ xurde no 2023 tras contratalo o Concello á artista Lula Goce, nacida en Baiona e con taller en Nigrán. Este ‘milagre’ natural de rostro feminino e aderezado con garzas, flores, mar e prantas foi encargado co obxectivo de transformar a gran medianeira de 250 m² situada na esquina entre rúa Argonautas e Romana Baixa e o muro da piscina mancomunada ata o Camiño da Cabreira. Este lugar, antes anodino pero de gran afluencia de xente, é, grazas á intervención de Lula, unha icona de Nigrán que impacta á veciñanza pola súa beleza e pola súa capacidade de transfigurar lugares.
A artista concentra na localidade o seu maior número de obras de toda Galicia, sendo esta a súa primeira medianeira do Miñor. Así, no 2018 pintou a fachada do CEIP Carlos Casares de Vilariño, no 2020 o Campo Municipal de Condomínguez de Priegue e, no mesmo ano, un gran mural en Panxón. Todas pezas contratadas polo Concello e ás que se sumou en abril de 2023 ‘A Dona do Esteiro’, polo que o municipio forma unha parte esencial do seu circuíto de murais internacionais, xa auténticos emblemas en países como EEUU, México, Israel, Portugal, Italia, Bélxica, Francia… “É unha honra traballar en casa e que a veciñanza se amose tan receptiva e cariñosa conmigo, son de Baiona e tamén filla adoptiva de Nigrán”, confesa Lula.
‘A dona do esteiro’
Unha vez máis, como é característico na súa obra, a exhuberancia da natureza e a beleza feminina mesturarase neste gran conxunto mural para trasladar á cidadanía unha mensaxe en defensa do medioambiente e tamén de orgullo de pertenencia e de identidade compartida. “A Foz é o gran punto de encontro dos tres municipios, un lugar que forma parte esencial do que significa o Miñor e que é realmente marabilloso”, explica Lula, asidua aos paseos polo esteiro para admirar os atardeceres ou as propias garzas que traslada tamén ao mural. Como punto gótico, tamén habitual na súa obra, o bestiario ou gárgola que a muller sostén na man, “simboliza o lado escuro do ser humano, a parte máis oculta e que tamén conforma a nosa personalidade”.
A gran novidade neste traballo é que, por vez primeira, empregou a intelixencia artificial para xerar o rostro da ‘Dona do Esteiro’ a partir dunha mestura dunha imaxe de Penélope Cruz con outras mulleres elixidas aleatoriamente. Sen embargo, debido as circunstancias emocionais na que traballou neste mural, a muller a quen Lula llo adica si ten nome e apelidos: Lourdes Goce, a súa nai. “Pola súa tenacidade, forza e capacidade para superar todos os obstáculos que a vida lle plantexa”.
Lula Goce
Lula Goce licenciouse en Belas Artes en Salamanca na especialidade de Pintura. En Barcelona realizou un Máster de creación artística e o DEA na Facultade de Belas Artes da UB de Barcelona. Estudou Deseño Gráfico na BAU e Ilustración na Escola da Dona, ademais de traballar en centros de produción artística como Hangar, en Poblenou, e formar parte do espazos artísticos como Caminal ou A Escocesa. O seu traballo como muralista é recoñecido no mundo enteiro. Nas súas próximas citas estará en Requena para pintar unha bodega de cava, en Mónaco coa Fundación Príncipe Alberto, coa Fundación Celta de Vigo, Suíza, Detroit, Santiago, Doha e Mallorca.

