HomePontevedraBaixo MiñoO Nadal soa no Rosal cunha fin de semana para cantar e...

O Nadal soa no Rosal cunha fin de semana para cantar e compartir

- Anuncio -spot_img

Panxoliñas, música e corais serán as protagonistas dunha axenda cultural chea de emoción e tradición

A música comeza a ocupar cada recuncho do Rosal anunciando que o Nadal xa está aquí. Esta fin de semana, o concello convértese nun grande escenario no que diferentes xeracións, estilos e formacións musicais se dan a man nunha programación cultural intensa e pensada para todos os públicos.

A primeira cita será este venres 12 de decembro ás 19.30 horas na igrexa de San Miguel de Tabagón, que acollerá o Festival de Panxoliñas organizado por Voces do Ceo, Airiños de San Miguel e a Sociedade Recreativa e Cultural de San Miguel. Sobre o altar soarán as voces de Voces do Ceo e Airiños de San Miguel, acompañadas por formacións convidadas como Tambaluca, Novo Orballo, Bicos do Ceo, Conxusto Sisto, o Coro Parroquial San Lorenzo de Salcidos e a Coral Polifónica Vento Mareiro, nun encontro coral que promete ser un dos grandes momentos destas datas.

A programación continuará o sábado 13 de decembro ás 19.30 horas no Auditorio Municipal do Rosal co Festival de Nadal da Escola de Música da Agrupación Musical do Rosal. Un concerto moi especial protagonizado polo alumnado máis novo no que participarán a Minibanda, Banda Escola, Combo, Amdoriñ@s, Coral e Coro Infantil. A entrada será de balde e o cartel deste ano conta cun valor engadido: está ilustrado co debuxo gañador do concurso infantil, realizado por Vega Sainz Rodríguez, de 10 anos, simbolizando o protagonismo da infancia nesta celebración.

A fin de semana pecharase o domingo 14 de decembro ás 18.00 horas co concerto ‘Ecos do Nadal’, a cargo da Coral Ecos do Folón, que actuará no auditorio municipal acompañada pola Coral Polifónica Lira de San Miguel de Oia e a Coral Polifónica A Cañiza. O evento está organizado pola propia Coral Ecos do Folón e conta coa colaboración da Asociación Músico-Cultural Ecos do Folón, do Concello do Rosal, da Comunidade de Montes de Santa Mariña e da Deputación de Pontevedra a través do programa Culturea.

Dende o Concello do Rosal saliéntase que esta programación “amosa a forza do tecido cultural local e a importancia da música como espazo de encontro, especialmente nestas datas tan sinaladas” e convídase á veciñanza a participar e gozar dunha fin de semana que “enche o Rosal de voces, emocións e espírito de Nadal”.

Publicacións Relacionadas