Iñaki Echeveste estará hoxe xoves e mañá venres na cidade
Tui recibe a visita do novo director xerente da Red de Juderías de España – Caminos de Sefarad, Iñaki Echeveste. Hoxe xoves e mañá venres estará no municipio para coñecer directamente o patrimonio xudeu e criptoxudeu que atesoura a nosa cidade que forma parte dende o ano 2019 deste rede que integra na actualidade a 21 municipios de España.
Iñaki Echeveste foi nomeado director-xerente pola asemblea xeral da rede celebrada o pasado mes de xaneiro. Nesta visita será recibido polo alcalde, Enrique Cabaleiro, e a concelleira de Turismo e Patrimonio, Ana Núñez, para analizar o traballo conxunto que se ven realizando entre a Red de Juderías e o Concello de Tui para coñecer, preservar e promocionar a rica herdanza xudía tudense que se ven consolidando como un destino clave para coñecer a historia dos xudeus sefardíes en Galicia e España.
Durante esta visita o xerente da Red de Juderías manterá un encontro con representes do sector turístico da cidade así como con persoas e institucións que traballan no coñecemento e promoción do importante legado das comunidades xudías e de cristiáns novos na nosa cidade. Nesta xuntanza Iñaki Echeveste presentará o traballo que está a desenvolver a Red de Juderias e os seus obxectivos buscando a implicación dos diversos sectores interesados. Igualmente manterá un encontro cos membros da Corporación Municipal tudense para compartir impresións sobre este proxecto de promoción patrimonial e turística que significa a Red de Juderías.
A concelleira de Turismo e Patrimonio do Concello de Tui, Ana Núñez, subliña que esta visita pon de relevancia a colaboración estreita que se mantén coa Red de Juderías para impulsar iniciativas que contribúan á preservación e difusión do legado xudeu da nosa cidade. A concelleira agradece esta visita do novo director-xerente da Red que pode así coñecer directamente o acervo patrimonial tudense e a pegadas das comunidades xudías na nosa historia e a implicación da sociedade tudense neste labor.