O Obradoiro de agricultura ecolóxica do Pazo de Pousadouro fixo entrega ao banco de alimentos de 117 quilos de kiwis ecolóxicos. En base a un convenio asinado entre o Concello de Redondela e Cáritas-Redondela, os produtos da horta ecolóxica do Obradoiro de Emprego son doados a esta entidade. Os produtos frescos de temporada repártense a unhas 50 familias beneficiarias do banco de alimentos de Cáritas-Redondela. Ademais dos kiwis ao longo do ano dóanse tomates, xudías, pementos, cabaciñas, cogombros, leitugas, acelgas ou remolachas, entre outros produtos.
O concelleiro de Emprego, Antonio Cabaleiro destacou a labor social que se fai desde este Obradoiro. O alumnado recibe unha completa formación profesional ao tempo que a produción serve para axudar ao banco de alimentos “con vexetais ecolóxicos de excelente calidade”. Onte visitou onte o Pazo de Pousadouro para facer entrega deste lote de froita aos representantes de Cáritas, xunto co mestre e a titora do obradoiro.
En total son 10 os alumnos e alumnas que se forman en agricultura ecolóxica e xardinería forestal. Ademais de traballar a horta ecolóxica de Pousadouro pazo realizan traballos en varias fincas municipais. Por outra banda, no Pazo de Pousadouro tamén se está a desenvolver o Obradoiro de Emprego na modalidade de “Carpintería de ribeira”, na que participan tamén 10 alumnas e alumnos que farán unha réplica do histórico bote “Manuel”. O alumnado-traballador, que comezou recentemente o Obradoiro, está actualmente a recibir a formación en Prevención de Riscos Laborais.