O mandatario provincial percorre un treito deste camiño acompañado polo alcalde Carlos Costa, ao que felicitou pola aposta por un proxecto que mellorará os servizos e a seguridade dunha zona moi transitada pola veciñanza
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anuncia o investimento de preto de medio millón de euros ao abeiro do Plan Extra e o Plan +Provincia para a reforma do Camiño Agrelo, no Concello de Campo Lameiro. Acompañado polo alcalde Carlos Costa, o mandatario provincial percorreu un treito do camiño que humanizará a Deputación nunha nova mostra de compromiso coa mellora da seguridade viaria e da cooperación cos gobernos locais en proxectos estratéxicos. “Sabemos as dificultades económicas que atravesan os pequenos concellos e aí está a Deputación para facer máis achegas ca nunca”, afirmou o presidente, quen reitera o apoio do organismo provincial para mellorar as infraestruturas e servizos da veciñanza de toda a provincia.
O proxecto presentado polo Concello de Campo Lameiro está valorado en 528.180€ e será financiado ao 100 % pola Deputación. Trátase dunha proposta presentada polo goberno local á convocatoria do Plan Extra, polo que recibe un financiamento duns 450.000€, mentres que o importe restante, preto de 80.000€, que tería que achegalo o Concello, finánciase con cargo á Liña 1 do plan +Provincia.
O Camiño Agrelo, comprendido entre a Rúa Jose Antonio e a estrada PO-231, ten unha lonxitude de 575 metros, ocupa unha superficie aproximada de 2.390 metros cadrados e presenta un ancho variable duns catro metros e unha distribución dos seus usos en superficie deficiente. Para corrixir estes defectos, formúlase unha intervención integral a nivel estrutural, de trazado e disposición espacial incidindo na mellora da accesibilidade e da seguridade viaria. Así mesmo, instalarase unha rede de saneamento de augas residuais e pluviais baixo a beirarrúa suavizando as pendentes actuais, novo alumeado público ao longo de todo o viario con especial atención nas zonas dos pasos de peóns e unha completa renovación dos pavimentos.
“Quero dar os parabéns ao alcalde e o seu equipo po apostar por esta actuación, que mellorará a cobertura dunha zona que acolle infinidade de servizos como o campo de fútbol, a Galiña Azul e centro de saúde. Os veciños terán unha alternativa segura para achegarse a eses puntos”, salientou López, que remarcou tamén a boa planificación do Concello para avanzar no saneamento da zona coa construción dunha depuradora que dará servizo ás vivendas da zona.
A aprobación deste investimento da Deputación no Concello de Campo Lameiro é unha mostra máis do apoio que o goberno de Luis López está a prestar a todos os concellos da provincia. De feito, o Concello de Campo Lameiro recibirá este ano case un millón de euros do organismo provincial a través dos distintos plans de Cooperación que están en marcha.