O Concello pon en marcha un ciclo rutas guiadas para redescubrir a historia e o patrimonio tomiñés
A primeira ruta será este sábado 5 de xullo ás 10.00 horas por Amorín. De balde, sen inscrición previa
O Concello convida á veciñanza a ver Tomiño con outros ollos coa posta en marcha do ciclo de rutas guiadas ‘As pegadas do pasado e do presente’, unha proposta coa que percorrer a historia, o patrimonio e a cultura local a través de catro camiñadas únicas polas parroquias tomiñesas.
Estas rutas, guiadas pola historiadora Natalia Jorge, buscan “descubrir o que a simple vista non percibimos do que temos máis próximo”, como sinala a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, que destaca que nun mundo cada vez máis globalizado “é máis necesario ca nunca afondar nos lazos que nos unen, reencontrarnos co que somos e co que nos fai comunidade, para poder preservar o noso”. “Coñecer as pegadas do noso pasado é tamén un xeito de construír o futuro con identidade e orgullo do lugar ao que pertencemos”, engadiu a rexedora.
As rutas terán lugar de 10.00h a 12.00h, con prazas ilimitadas e sen necesidade de inscrición previa, e contarán con paradas en puntos clave que permitirán afondar en relatos e curiosidades que modelaron o territorio e a súa xente.
A primeira andaina será este sábado 5 de xullo, que baixo o título de ‘Sabías que… o río Miño era atravesado a cotiá polas persoas dunha e doutra marxe’ levará a todas e todos os participantes a descubrir a parroquia de Amorín. O punto de encontro será o embarcadoiro de Amorín.
As rutas volverán o 19 de xullo cun percorrido por Santa María de Tebra e Pinzás, o sábado 9 de agosto por Tomiño e Estás e rematarán o 23 de agosto en Goián.
O Concello anima a toda a veciñanza a sumarse a estas rutas “para redescubrir xuntas e xuntos as historias que agochan as nosas rúas, montes e ríos”, conclúe a alcaldesa, “e para reforzar así o orgullo de pertencer a unha terra chea de vida e de memoria”.