O plan de melloras dos camiños municipais avanza en Cabeiro, Cesantes, Negros e Reboreda

adminON
Lectura mínima de 3

– A concellería de Infraestruturas e Sostibilidade, que dirixe Roberto Villar, acomete traballos de mellora de redes pluviais e asfaltado en varios camiños das diferentes parroquias e no caso vello de Redondela.

-As reparacións xa concluíron nos camiños da Coutadiña e Campiño, en Cabeiro, no camiño Carballiño en Cesantes, e no Viñal en Santo Estevo de Negros. No Campo das Redes está rematado o primeiro tramo. A próxima semana as obras realizaranse na rúa Laxe e Ernestina Otero.

A concellería de Infraestruturas e Sostibilidade, que dirixe Roberto Villar, está a realizar traballos de mellora en varios camiños de diferentes parroquias do Concello de Redondela. Segundo explica o edil “trátase de obras que están a realizar os propios operarios municipais”. No caso de Santo Estevo de Negros as obras de mellora xa remataron no camiño do Viñal, e en Cesantes concluíron as da rúa Carballiño no cruce co camiño de Cociña Aberta. Tamén se realizaron obras de mellora nos camiños do Campiño e da Coutadiña, en Cabeiro. Estes traballos súmanse aos que se fixeron no casco vello da vila. É o caso da rúa do Hospital, ao carón de cemiterio dos Eidos, onde se renovou a rede de recollida de augas pluviais. O asfaltado está rematado e nos vindeiros días, se o tempo o permite, procederase ao pintado. No Campo das Redes rematouse o primeiro tramo, e a vindeira semana procederase á reparación no tramo coa rúa Laxe.

Outra obra que se está a realizar no municipio é a da estrada Outeiro en Reboreda. Trátase dunha actuación de maior calado que está a realizar uha empresas con cargo a fondos da Deputación de Pontevedra. Trátase dun tramo de máis dun quilómetro con renovación do pavimento e a mellora da drenaxe. Unha nova rede de recollida de augas pluviais evitará a acumulación da auga da chuvia que ten provocado inundacións nalgunhas vivendas. O contrato das obras adxudicouse á UTE Oresa-Covisa Reboreda por un importe superior aos 165.000 euros.

Roberto Villar sinala que desde  a concellería de Infraestruturas e Sostibilidade “estase a avanzar na reparación e mellora das estradas e camiños do municipio, e o obxectivo é seguir nesta liña tanto con fondos propios do Concello como doutras administracións”.

Obras de mellora en Ernestina Otero

A concellería de Infraestruturas e Sostibilidade acometerá na vindeira semana obras de reparación na rúa Ernestina Otero, á altura do Mercado Municipal. Os traballos comezarán o luns, día 9, e poderían ocasionar molestias no tráfico con cortes puntuais dun carril de circulación.

Comparte este artigo