Aprobaron unha axuda de natalidade e os festivos locais que quedan fixados para o 13 de xuño, San Antón, e 29 de setembro, San Miguel.
O Pleno da Corporación Municipal do Concello de Campo Lameiro gardou un minuto de silencio, momentos antes de iniciarse a xuntanza, en lembranza de Julio Sayáns, quen fora alcalde deste municipio durante 36 anos e que faleceu recentemente. Os concelleiros presentes puxéronse en pé e despois de gardar respectuosamente silencio remataron o acto de homenaxe póstuma cun forte aplauso.
Por outra banda, a Corporación Municipal aprobou tamén a concesión de unha axuda á natalidade para favorecer o empadroamento aplicando a ordenanza vixente que prevé unha subvención de 900 euros en dous anos (450 euros cada ano por un máximo de dous) polo primeiro fillo; 1.100 polo segundo (550 durante os dous anos de vigor da axuda); 1.300 polo terceiro (650 cada ano) e 1.500 polo cuarto (750 por ano) e seguintes.
Ademais, o Pleno Municipal aprobou os días festivos para o vindeiro ano que serán, como viña sendo habitual, o 13 de xuño, San Antón, e 29 de setembro, San Miguel.