• O Concello convocou mesas sectoriais cos axentes sociais, económicos e veciñais para implicar á veciñanza na transformación do municipio expresando as súas impresións, necesidades e demandas
O Concello do Porriño avanza na elaboración da súa Axenda Urbana e Rural, un documento estratéxico que guiará as accións municipais a curto, medio e longo prazo.
No deseño da Axenda Urbana a participación cidadá é un elemento fundamental para identificar debilidades e definir retos en ámbitos estratéxicos como o urbanismo, mobilidade, medio ambiente, etc.
Por iso o Concello do Porriño quere implicar á veciñanza na transformación do municipio expresando as súas impresións, necesidades e demandas.
“Trátase en definitiva de escribir xuntos/as a folla de ruta para construír o Porriño de mañá, un marco de referencia para a planificación estratéxica que nos pemitirá acceder de forma máis eficaz e competitiva a financiación precisa e avanzar de maneira máis eficaz no desenvolvemento da vila”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Algo tan importante como o futuro do Porriño hai que consensualo entre todos/as”.
Será a través da convocatoria de mesas sectoriais co seu tecido asociativo, nos ámbitos económico, social e medioambiental, ademais do persoal técnico municipal e dos grupos políticos con representación na corporación. Estes encontros darán comezo a vindeira semana e teñen como principal obxectivo identificar de maneira conxunta respostas aos principais retos do Concello.

