O Porriño celebra unha nova edición dos ‘Días Tolos’ con descontos e agasallos directos e sorteo para o Petra Rosa

Redacción
  • O comercio local enchera de sorpresas os dous días de campaña, ofrecendo rebaixas directas de ata o 20% e un sobre sorpresa con cada compra.
  • Os clientes que rexistren o seu tique tamén poderán gañar dúas entradas dobres para o Festival Petra Rosa.

O Porriño prepárase para vivir as súas xornadas máis comerciais e divertidas do ano coa chegada dos “Días Tolos”, que terán lugar os vindeiros días 19 e 20 de xuño. Esta iniciativa, promovida pola Asociación de Comerciantes e Industriais do Porriño (ACIPOR) e o Centro Comercial Aberto MOREA, en colaboración co Concello do Porriño e a Xunta de Galicia, busca dinamizar o comercio local e premiar a fidelidade dos clientes.

Durante estas dúas xornadas, os establecementos adheridos ofrecerán importantes descontos directos do 5%, 10% e ata o 20%. Ademais, por cada compra realizada, os clientes poderán solicitar o seu “sobre sorpresa”, que inclúe a posibilidade de obter agasallos e rebaixas directas no mesmo momento.

Sorteo de entradas para o Festival Petra Rosa

A campaña non só ofrece vantaxes inmediatas nas compras, senón que tamén premia a participación a través de internet. Aquelas persoas que fagan unha compra mínima de 5 € poderán rexistrar o seu tique de compra na páxina web oficial (www.ccamorea.es).

Ao facelo, entrarán automaticamente no sorteo de dúas entradas dobres para o Festival Petra Rosa, un dos eventos musicais máis agardados que contará coas actuacións de recoñecidos artistas como Antonio Orozco, Pablo López e Sergio Dalma. O sorteo realizarase o vindeiro 23 de xuño de 2026.

Con esta campaña, o comercio do Porriño une forzas para demostrar a calidade, proximidade e vitalidade do sector local, convidando a veciños e visitantes a gozar duns días cheos de oportunidades e sorpresas.

Comparte este artigo