Gala Drag Queen e concerto de Baiuca, grandes momentos da festa
O Concello do Porriño converteuse nun espazo de celebración, diversidade e inclusión coa celebración do Día do Porriño Orgulloso 2025, que se desenvolveu no Paseo do Louro coincidindo co Día Internacional do Orgullo LGTBI+.
A xornada comezou ás 16:00 horas e prolongouse ata as 2:00 da madrugada, cun programa pensado para todos os públicos. De 16:30 a 19:30, as nenas e nenos desfrutaron de inchables de auga e de salto para pasalo en grande. Ademais, o Mago Marco ofreceu espectáculos e maxia a partir das 18:00 horas, sorprendendo aos máis pequenos e a toda a familia ao longo do día. Entre as 18:00 e as 20:00 horas, houbo obradoiros de tatuaxes temporais e pintacaras para todas as idades, unha proposta creativa para animar a tarde.
A música en directo protagonizou o escenario principal, onde actuaron Acoustic Mode (17:00), Iker Faure’s Band (19:00) e Orballo Cultural (21:00). Ás 23:00 horas tivo lugar o gran concerto de Baiuca, unha das estrelas galegas con maior proxección internacional, que ofreceu un espectáculo audiovisual único e impactante.
Un dos momentos máis agardados foi a Gala Drag Queen do Porriño Orgulloso, que comezou ás 20:00 horas, conducida por Marlen Soto e Khrystal De Luxe, coa actuación estelar de Marisa Prisa, unha das figuras máis recoñecidas do panorama drag estatal.
A celebración estivo acompañada de foodtrucks, postos de segunda man, a presenza de protectoras de animais e actividades familiares, facendo do evento un espazo de encontro e visibilidade para toda a veciñanza e visitantes.
“O Porriño é un concello que se caracteriza pola súa apertura e diversidade, comprometido firmemente coa igualdade real e efectiva. Facemos un chamamento a toda a veciñanza para que se una e participe activamente nesta celebración tan significativa”, declarou o alcalde, Alejandro Lorenzo.