A fronte nacionalista demanda a aplicación de medidas de restauración ecolóxica e de eco-enxeñería para corrixir o atentado ambiental que supuxo o aterramento
Critica a inacción do Goberno municipal de Abel Caballero que non despregou ningunha acción contra o recheo e a complicidade do Goberno español por autorizalo
Xabier P. Igrexas: “O BNG vamos seguir a dar a batalla para que este innecesario aterramento do Berbés sexa o derradeiro, afirmando de maneira rotunda que o tempo dos recheos en Vigo rematou”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo vén de expresar o seu rexeitamento perante a decisión do Porto de Vigo de urbanizar o recheo portuario do Berbés. Unha actuación que cualifica de “agresión ambiental absolutamente delirante” e demanda a súa inmediata reversión para evitar a consolidación deste atentado contra a Ría de Vigo.
O recheo, ao que o BNG se opuxo desde o primeiro momento, ocupa case 8.000 metros cadrados de superficie marítima que van ser destinados a aparcadoiro de camións, nun porto que xadispón de máis de 2 millóns de metros cadrados de superficie e que continúa sen contar co imprescindíbel Plan de Usos.
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, acusou a Autoridade Portuaria, dirixida politicamente polo Partido Popular, de insistir no “modelo fracasado, insustentábel e irracional dos recheos”, en lugar de abrir a cidade á lámina de auga e promover un desenvolvemento sustentábel. “En lugar de abrir de verdade Vigo ao mar, a Autoridade Portuaria insiste en cementar a Ría de Vigo”, lamentou.
Igrexas criticou tamén a inacción do Goberno municipal de Abel Caballero, lembrando que non exerceu ningunha medida de oposición a este aterramento, a diferenza do que fixo un alcalde nacionalista co recheo do Areal logrando a súa paralización.
Ademais, o BNG recriminou ao Goberno español (PSOE-Podemos e despois Sumar) por ter dar luz verde ao proxecto, a pesar de recoñecer a falta de delimitación de espazos e usos portuarios, como denunciaron as iniciativas do deputado nacionalista Néstor Rego no Congreso.
Reversión e restauración ecolóxica
Diante disto, o portavoz municipal anunciou que o BNG despregará unha “ofensiva política en todas as institucións” para impedir a urbanización do recheo e para demandar a súa reversión mediante medidas de restauración ecolóxica e eco-enxeñería.
“O BNG vamos seguir a dar a batalla para que este innecesario aterramento do Berbés sexa o derradeiro, afirmando de maneira rotunda que o tempo dos recheos en Vigo rematou”, proclamou Igrexas.
En troca, a fronte nacionalista aposta por un desenvolvemento portuario verdadeiramente sustentábel que alargue as súas capacidades loxísticas non cementando un ecosistema tan valioso como a Ría de Vigo, senón facendo realidade que a PLISAN opere como un porto seco.



