O Porriño pon en marcha visitas para que os escolares coñezan a administración municipal

Redacción

Entre os meses de novembro e decembro 178 alumnos percorrerán as diferentes dependencias municipais para coñecer o seu funcionamento e a súa historia

As visitas acaban no despacho de alcaldía, onde durante uns minutos poden presentar as súas propostas convertíndose en alcaldes e alcaldesas 

O Concello do Porriño pon en marcha, a partir do mes de novembro, as visitas presenciais ao edificio da Casa Consistorial dirixidas ao alumnado de 3º de Educación Primaria dos centros educativos do municipio e de Aceesca.

A través desta iniciativa, que se desenvolverá entre os meses de novembro e decembro de 2026, un total de 178 alumnos e alumnas percorrerán a casa do concello para coñecer a súa historia e o seu funcionamento. “Trátase de achegar á administración tamén a cativada” explica o alcalde do municipio Alejandro Lorenzo que sempre recibe aos máis pequenos no seu despacho e lles permite a cada un deles e delas ser alcaldes e alcaldesas durante uns minutos, explicando as súas propostas. Lorenzo, explica,  aboga por unha administración cercana e porque a rapazada coñeza o traballo que se fai e os mecanismos que ten a cidadanía.  

A Concellería de Educación e Normalización Lingüística e a OMIX organizan esta actividade en colaboración cos centros educativos co obxectivo de que o alumnado coñeza de preto o funcionamento da Casa Consistorial, á vez que se dinamizan a lingua e a cultura galegas por iso o programa se denomina “visita o teu concello a través da lingua” A concelleira de Educación e Normalización Lingüística, Carolina González Costas, explicou o valor desta iniciativa de portas abertas: “Achegar a administración local á infancia é investir en cidadanía activa. Con estas visitas pretendemos espertar a súa curiosidade, fomentar o respecto polas normas de convivencia e facerlles entender que, o día de mañá, eles tamén serán os protagonistas e responsables da nosa comunidade”.

A técnica de Turismo do Concello do Porriño, Marión Demarolle, será a encargada de guiar os escolares polo edificio para darlles a coñecer a súa historia, as distintas salas e espazos, o organigrama dos departamentos e o seu funcionamento interno. O emprego do léxico administrativo galego, xunto co desenvolvemento dun pequeno glosario galego-castelán de termos cotiáns dun concello, fan que estas visitas teñan a lingua como elemento catalizador.

Deste xeito, as nenas e nenos do Porriño percorrerán os corredores das dependencias municipais, entrarán no Salón de Plenos, na Alcaldía ou no balcón dende o que tradicionalmente se pregoa o inicio do Entroido e das Festas do Cristo, á vez que descobren a importancia da lingua nunha Administración pública e o traballo que realiza o Servizo de Normalización Lingüística.

Comparte este artigo