• Domínguez e Pardo comprométense cos representantes sindicais a levar unha moción, ao pleno da corporación, para facer efectivo o Plan de Igualdade do Concello de Pontevedra
• O Partido Popular esixe á concelleira responsable de Persoal, Eva Villaverde, que deixe de “ignorar” as reivindicacións dos funcionarios e “asuma as súas responsabilidades”
O Partido Popular de Pontevedra acusa o Goberno local de carecer de “ningún tipo de capacidade negociadora” e de afacerse a “desprezos continuos aos traballadores municipais do Concello, despois dunha nova reunión dos concelleiros Rafa Domínguez e Pepa Pardo cos representantes sindicais.
O portavoz municipal do PP local e o seu número dous citaron aos funcionarios públicos, na sede local do partido azul, para poñer en común os avances en materia de negociación: “Un ano despois do cambio da concelleira responsable, comprobamos o que xa sospeitamos e non nos sorprende, seguen ignorando as súas reivindicacións”.
Pardo incidiu na importancia de mellorar a política da área de Persoal, que “o BNG menosprezou nos últimos mandatos con cambios que non forneceron ningún efecto”, en referencia á herdanza da concellería que asumiron os nacionalistas Vicente García Lejísima, Carmen Fouces e, no mandato actual, Eva Villaverde.
“O que observamos é que non hai unha intención verdadeira por chegar a un acordo de xustiza para os traballadores municipais e por mellorar a política de persoal, que asumiu Villaverde, demostrando ser incapaz de asumir as súas responsabilidades ao delegalas no director xeral de Recursos Humanos. A pesar diso, non se lles está dando resposta ás necesidades especiais que demandan”, apuntou.
O Partido Popular considera “prioritario e moi necesario” sacar adiante o Plan de Igualdade. Neste sentido, pediron ao alcalde que “así como é o primeiro en esixir ao sector privado que cumpra coas políticas de igualdade de maneira rigorosa, faga o propio cos seus traballadores públicos”.
Co afán de conseguir unha administración local “eficiente e eficaz”, o partido con maior representación da corporación municipal esixe negociación e que a formación de goberno volva a “a senda do respecto cara aos traballadores do Concello, velando polo desempeño dos seus traballos nunhas condicións dignas e adecuadas #ante a falta dos mecanismos necesarios para iso”.
Por último, e tras permanecer unha hora sentados á mesa cos representantes dos traballadores, Domínguez e Pardo comprometéronse con eles a presentar unha moción ao pleno da corporación para reclamar o demandado Plan de Igualdade do Concello de Pontevedra.

