Os temporais de finais do ano 2022 esnaquizaron, entre outras infraestruturas, unha parte do paseo fluvial de Baredo. Concretamente uns 50 metros aproximadamente do tramo que pasa sobre o Río Fraga.
En febreiro do ano 2023 (apenas 2 meses deste incidente) o PP na oposición “urxía ao tripartito a deixar as escusas económicas e arranxar o paseo”. Así, dicían que a problemática do custe de reparación cuantificada en 100.000 € non era verdade xa que o PP estimaba que o custe real da reparación era duns 20.000 € como máximo.
Este pasado 11 de febreiro de 2024, o actual goberno do PP anunciaba de xeito pomposo a adxudicación das obras para restaurar o paseo de Baredo tras un ano inoperativo por un importe de 233.000 €.
O PP leva 8 meses gobernando o Concello de Baiona e parece que as reclamacións de extrema urxencia para reparar o paseo fluvial de Baredo quedaron no esquecemento e a denuncia do malgasto dos 100.000 € orzamentados cando aseguraban que o custe era de 20.000 € tan só fai un ano, convértense agora en 233.000 € que son unha inversión necesaria.
Esta dobre vara de medir deixa as claras o tipo de políticas e de oposición que leva a cabo o Partido Popular de Baiona o cal, por certo, utiliza constantemente o de que “no hai dinero” algo que na oposición chamábanlle escusas.

