O PP de Pontevedra esixe explicacións pola paralización das obras de Doce de Novembro

Redacción
Lectura mínima de 3

• Iago Acuña: “Desde o Partido Popular fiscalizaremos o labor do Gobierno local para que non suceda como coas obras inacabadas do Teatro Principal ou como o campo de fútbol de Salcedo, cos accesos aínda pendentes a día de hoxe”

• Os populares trasladan a súa preocupación polas dúbidas xurdidas ao redor do proxecto, que xa acumula meses de atraso desde a adxudicación das obras en maio

O Partido Popular de Pontevedra esixiu este luns explicacións ao Gobierno local do BNG ante as incertezas que rodean as obras do parque urbano de 4.766 metros cadrados que se ía a construír na antiga pasarela do tren na rúa Doce de Novembro.

O concelleiro do PP Iago Acuña mostrou a crecente preocupación do grupo maioritario da corporación polas dúbidas xurdidas ao redor dunha posible paralización definitiva do proxecto, que xa acumula meses de atraso significativos desde que foi adxudicado en maio por 643.000 euros ata que se empezaron a rozar os terreos en febreiro este ano.

“Unha vez máis, atopámonos ante un exemplo máis da desidia de Lores e o BNG, que marcou a xestión municipal nos últimos anos. Desde o PP fiscalizaremos que non suceda como coas obras inacabadas do Teatro Principal ou como co campo de fútbol de Salcedo, terminado tarde, mal e a rastro cos accesos aínda pendentes a día de hoxe”, denunciou o edil popular.

Así mesmo, lembrou a necesidade de mellorar a seguridade viaria no cruzamento cara aos xulgados da Parda, para que os peóns poidan trasladarse de forma segura pola beirarrúa e non se vexan obrigados a cruzar pola calzada.

Acuña destacou que se trata dunha actuación necesaria, cuxo atraso podería ter consecuencias administrativas e económicas, xa que as obras están financiadas mediante un convenio coa Deputación. O incumprimento dos prazos podería obrigar a modificar o acordo vixente, xerando máis atrasos e prexuízos para os veciños desta contorna.

En definitiva, o PP de Pontevedra urxe explicacións inmediatas sobre as retiradas das casetas de obra e reclama ao Gobierno local coñecer de inmediato a causa formal pola que a empresa adxudicataria non renovou os traballos tras as vacacións de Semana Santa. “Os veciños merecen saber que vai pasar e cando se vai a retomar unha actuación fundamental para esta contorna”, concluíu.

Comparte este artigo