O mosense de 4º da ESO imparte en Primaria un Obradoiro sobre o Entroido tradicional mosense
Pese á súa curta idade Ismael Pato, alumno de 4º curso da ESO, xa conta cunha vocación e unhas dotes docentes e de investigación asombrosas. Durante toda esta semana estivo a impartir o seu Obradoiro EtroideaMos nos 5 colexios de Educación Infantil e Primaria de Mos, da man da concellería de Cultura e dentro do programa de actividades no horario lectivo organizado polo Concello de Mos.
Isma imparte o seu Obradoiro á cativada de Primaria compartindo con eles o seu coñecemento sobre o Entroido tradicional e a súa sabedoría. Durante as sesións desta semana Pato recibiu a visita da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira de Cultura, Sara Cebreiro, e a edil de Educación, Julia Loureiro.
EntroideaMos é un proxecto de divulgación cultural dos diversos entroidos galegos, entre eles o de Mos, que nace do traballo de investigación de Ismael Pato, alumno de 4º da ESO do IES de Mos. A idea de Isma é a de ENTROIDEAR, INVESTIGAR, RECUPERAR E DIVULGAR.
Este é un proxecto que nace no 2023 e que continua en constante crecemento, contando coa colaboración de moitas das asociacións dos diferentes entroidos da comunidade como a asociación etnográfica A Merdeira, de Vigo; MUGAE, Museo Galego do Entroido, Asociación Cultural de Cobres, Os Labregos de Trives…
Proxecto Currumiño: O Entroido tradicional mosense
Dentro do EntroideaMOS está o proxecto Currumiño, que ten como obxectivo recuperar a figura do Entroido tradional de Mos, o que supón unha forte estratexia organizada para a recuperación da tradición mosense e o inicio da investigación ao respecto na zona. Figuras como o Currumiño hai en toda Galicia, pero a tradición que levaba a cabo esta personaxe era común de Mos e arredores.
“A xente maior será unha parte fundamental do proxecto de documentación. Outra parte importante será a dos nosos centros culturais para que entre todos nos axuden a preservar unha tradición”, explica Ismael Pato. “Recuperar o noso Currumiño de Mos” continúa Isma, “ao igual que xa existen os Merdeiros de Vigo, os Madamas e Galáns de Cobres, Madamas e Galáns de meira, Madamas e Galáns de cabeiro, Mudados de Ribadetea, Cacharelos de Lalín, Xenerais Da Ulla… significará que a xente coñeza as nosas tradicións e as nosas raíces, e sepan diferenciar entre o carnaval e o entroido, este último en risco de desaparecer. Mos é un Concello cultural, aberto, colaborativo para poder traballar en talleres que acheguen á veciñanza a nosa figura a través de libros, redes sociais, follas informativas, charlas, proxectos audivisuais, creación de grupos de currumiños polas parroquias en tempo de Entroido”.

