• A senadora por Pontevedra, Pepa Pardo, afea o rexeitamento dos nacionalistas galegos a unha lei aprobada definitivamente na Cámara Alta que recoñece os funcionarios de prisións como axentes da autoridade.
• Pepa Pardo destacou que a nova norma supón o fin de “oito anos de abandono do goberno sanchista” e criticou que o BNG prefira “ir da man dos seus amigos de Bildu” en lugar de coidar aos traballadores.
A senadora Pepa Pardo, lamentou o voto en contra do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no Senado á lei que declara axentes da autoridade os funcionarios e persoal de prisións. O seu voto en contra indica que o BNG se sitúa na absoluta radicalidade e decida aliñarse con Bildu e Esquerra para dar as costas a unha reivindicación histórica do colectivo penitenciario.
Tras a aprobación definitiva da reforma legal na Cámara Alta o pasado mércores, Pepa Pardo quixo poñer en valor a importancia deste fito: “Tras oito anos de abandono do goberno sanchista, por fin o pasado mércores aprobouse definitivamente no Senado o proxecto de lei que dará a categoría de axentes da autoridade tanto aos funcionarios de prisións como ao resto do persoal penitenciario.
Era unha reivindicación histórica dos funcionarios de prisións, pero tamén unha demanda histórica do Partido Popular que veu reclamando ano tras ano. Por fin será realidade”, celebrou a senadora.
“O BNG volveu perder unha oportunidade de ouro para defender os profesionais que garanten a seguridade de todos desde as prisións, preferindo poñerse do lado dos radicais en lugar de protexer a quen nos defende”, aseverou Pardo, quen incidiu en que “o BNG dixo non a considerar axentes da autoridade os funcionarios de prisións e ao resto do persoal penitenciario e aliñouse, como non podía ser doutra maneira, con Bildu e con Esquerra Republicana”.
Segundo explicou a senadora por Pontevedra, esta votación “deixa claro cales son as súas preferencias: non son protexer a quen nos protexen, non é protexer os funcionarios de prisións e os traballadores penitenciarios, senón todo o contrario, é ir da man dos seus amigos de Bildu”.
A nova norma reforza a seguridade xurídica destes profesionais e establece a obriga explícita da Administración de resarcir os danos persoais ou materiais sufridos durante o exercicio das súas funcións. O texto supón unha blindaxe legal clave fronte ás agresións no desempeño do seu traballo fronte ao crime organizado e o narcotráfico.
Desde o Partido Popular insistiuse en que este recoñecemento como axentes da autoridade é un paso de xigante, pero lembran que se debe seguir esixindo ao Goberno central un incremento real dos medios materiais e humanos. Entre as demandas que o PP provincial sitúa como prioritarias para o colectivo penitenciario destacan o deseño e aplicación de protocolos eficaces contra as agresións, programas de formación especializada para o persoal e unha adecuada asistencia xurídica e psicolóxica para os traballadores do sector.

