O PP de Salceda denuncia a “situación crítica” da economía do Concello con case 5 millóns pendentes de pago entre débedas a provedores e o préstamo bancario

Redacción
Lectura mínima de 4

● Os populares critican a “nefasta xestión” do goberno de MS por converter a Salceda no municipio da contorna de Vigo con máis facturas insatisfeitas, ata 2,13 millóns ao peche do pasado exercicio, e por dilatar estes abonos ata os 136 días, catro veces por riba do límite legal


● “Estamos ante un executivo que nos aboca ao abismo e que ten cartos para pagar drons para facer vídeos e publicidade, pero que non cumpre coas empresas e autónomos que fan obras ou servizos para o Concello”, lamentou o voceiro, Santi Davila

O grupo municipal do PP de Salceda de Caselas vén de denunciar a “situación crítica” da economía do Concello con case 5 millóns de euros pendentes de pago entre as débedas aos provedores e o préstamo bancario, que se sitúan en 2,13 e 2,6 millóns de euros, respectivamente.

Os populares cren que esta situación xurde exclusivamente da “nefasta xestión” do goberno de Movemento Salceda, que converteu ao municipio no que ten máis facturas insatisfeitas de toda a contorna de Vigo, xa que cómpre lembrar que segundo os datos oficiais do Ministerio de Hacienda, o Concello deixou sen pagar 2.131.560 euros por obras e servizos prestados ao peche do pasado ano 2025.

Ademais, indicaron que o “maltrato” ás empresas, pemes, autónomos e negocios que traballan para o Concello tamén se extende á hora do cobro, xa que tardan unha media de 136 días, catro veces e media por riba do límite legal permitido de trinta días.

“Non é normal que se remate un ano con pufos por máis de 2 millóns de euros cos nosos provedores, algo que nunha empresa sería motivo dun rotundo despido, pero se a maiores lle engadimos que temos un crédito de 2,6 millóns, a situación das arcas municipais tórnase crítica e confirma porque non hai diñeiro para as obras necesarias, para reforzar os servizos e para atender axeitadamente as cousas do día a día dos veciños”, manifestou o voceiro municipal, Santi Davila.

O concelleiro popular explicou que esta “nefasta” situación das arcas municipais explica porque o goberno local sempre tenta subir impostos, como fixo infructuosamente cun 25% máis para o IBI, “pero afortunadamente está en minoría e desde o PP estamos conseguindo frear a súa voraz ansia recadatoria e asalto aos petos dos veciños”. Neste senso, lembrou que o executivo de Dolores Castiñeira tamén se resiste a aplicar bonificacións no chamado “imposto de plusvalía”, sendo dos poucos concellos que non lle inclúe descontos.

“Non lles chegan os cartos que teñen porque cando a xestión está marcada polo despilfarro sempre queren máis e máis. Estamos ante un executivo que nos aboca ao abismo porque si ten cartos para pagar drons para facer vídeos e para investir en publicidade, pero que non cumpre coas empresas e autónomos que fan obras ou servizos para o Concello”, concluíu Davila.

Comparte este artigo