O PP de Tomiño denuncia a aposta polo feísmo na reforma da contorna da capela de Estás polo emprego de formigón maila o compromiso da alcaldesa de que sería en pedra

adminON
Lectura mínima de 4

-Os populares acusan ao goberno do BNG de mentir ao achacar esta decisión a Patrimonio,  “posto que o organismo da Xunta só lles dixo que non se podían misturar formigón e pedra, pero  convidounos a empregar só o material propio do país e non o fixeron por falla de cartos” 

-“É unha mágoa que o Bloque, tras 17 anos estendendo o formigón por canta obra impulsaron  en Tomiño, se incumpra a sí mesmo novamente e acometa unha aberración estética en Estás  por unha simple cuestión económica”, detallou a voceira municipal, Mónica Otero 

O grupo municipal do PP de Tomiño vén de denunciar a nova aposta polo feísmo por parte do goberno nacionalista ao impulsar un proxecto de reforma da contorna da capela  de Estás que se executará case ao completo en formigón e que, ademais, incumpre o  compromiso da alcaldesa, Sandra González, de que esta obra na súa propia parroquia  –como sostivo no pleno de febreiro de 2023– se realizaría principalmente en pedra. 

Ao respecto, os populares criticaron, no pleno celebrado esta semana, que o BNG minta  novamente aos tomiñeses tanto por non acometer esta remodelación dun espazo rural  en pedra como por tratar de xustificarse na propia sesión achacando esta decisión á  Dirección Xeral de Patrimonio. 

Así, indicaron que a empresa redactora presentou un primeiro proxecto que se baseaba,  nun 80%, no emprego de formigón para esta contorna e o Concello foi advertido polo  citado organismo da Xunta de Galicia de que non se podía facer a mistura deste material con pedra a carón dun edificio relixioso de valor patrimonial e que había que apostar por  un material por unidade estética. 

“Culpar á Xunta de que a obra de Estás se vai facer en formigón é o derradeiro número  de equilibrismo do voceiro, Uxío Benítez, e do BNG porque a alcaldesa non se atreveu  a comentar nada despois de comprometer a súa palabra hai apenas ano e medio.  Patrimonio prohibíulle a mistura de pedra e formigón nesa zona, pero convidou e animou  ao Concello a emprender integramente esta actuación en pedra, que é algo que  desbotaron por falla de cartos, o que demostra que o compromiso do Bloque cos  materiais propios do país depende do prezo”, apostillou a voceira municipal, Mónica  Otero, que se estreaba no cargo nunha sesión plenaria tras substituír no mesmo a Lara  Meneses polo seu nomeamento como directora xeral de Xuventude. 

Para os populares de Tomiño, esta nova remodelación confirma o modelo de aposta  polo feísmo que os nacionalistas levan máis de catro lexislaturas estendendo por todo  o municipio e que mesmo lles avergoña, xa que quedaron bloqueados cando a situación  foi denunciada no pleno municipal: “É unha mágoa que o BNG, tras 17 anos espallando  formigón por canta obra impulsou no noso concello durante este tempo, se incumpra a sí mesmo novamente malia o anunciado pola alcaldesa e vaia acometer unha  aberración estética en Estás por unha simple cuestión económica”.

Comparte este artigo