• Os populares aseguran que “o problema vese agravado pola falta de prazas debidamente delimitadas e polo estado de abandono dalgunhas zonas, que carecen dunha infraestrutura básica que garanta a seguridade e comodidade para os usuarios, cubertas de maleza, sen pintar e sen acondicionar”
• Domínguez: “Sempre defendemos que calquera cambio na planificación do barrio se realice en diálogo cos veciños e comerciantes, garantindo que as decisións respondan ás necesidades reais do barrio”
O portavoz municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, acompañado polos concelleiros Juan Manuel Muñoz e Silvia Crespo, reclamou hoxe a creación de máis prazas de estacionamento público para os veciños e comerciantes de Monte Porreiro.
Os populares percorreron un dos barrios máis relevantes da periferia urbana, onde Domínguez logrou a vitoria nas seis mesas electorais nos comicios municipais de 2023. “Sen embargo, o goberno municipal non está a aproveitar que se trata dun dos núcleos máis dinámicos e con maior actividade da cidade para abordar un dos principais problemas para os seus residentes: a escaseza de aparcamento público”, sinalou Crespo.
A falta de prazas de estacionamento é unha das principais preocupacións en Monte Porreiro, xa que a maioría dos edificios non dispoñen de garaxes subterráneos, o que obriga aos veciños e visitantes a estacionar na vía pública. “O problema vese agravado pola falta de prazas debidamente delimitadas e polo estado de abandono dalgunhas zonas, que carecen dunha infraestrutura básica que garanta a seguridade e comodidade para os usuarios, cubertas de maleza, sen pintar e sen acondicionar,”, engadiu a concelleira.
O PP tamén recolle as queixas dos veciños e veciñas, que se incrementaron nos últimos tempos debido ás recentes actuacións do Concello de Pontevedra que, en lugar de ampliar os espazos de estacionamento, decidiu reducir a súa dispoñibilidade coa creación de máis zonas de servizo e carga e descarga. Os populares puxeron de exemplo as novas prazas da rúa Grecia, cun uso limitado de 15 minutos, cando só hai un establecemento, ou as da rúa Luxemburgo, que non benefician ao comercio local e dificultan a circulación pola zona.
“A consecuencia destas medidas é un grave prexuízo tanto para os residentes, que teñen aínda máis dificultades para atopar aparcamento, como para os comerciantes, que ven limitada a súa capacidade para recibir mercadorías e recibir clientes potenciais debido á falta de alternativas viables de estacionamento”, subliñou a edil.
Por todo isto, o Partido Popular, como gañador das eleccións municipais, insta ao goberno local a actuar con urxencia para solucionar esta problemática. Domínguez considera “imprescindible” habilitar novas prazas de aparcamento e o acondicionamento das que existen na actualidade: “Sempre defenderemos que calquera cambio na planificación do barrio se realice en diálogo cos veciños e comerciantes, garantindo que as decisións respondan ás necesidades reais do barrio de Monte Porreiro”, concluíu.