O PP esixe a Lores retirar o composteiro de Campolongo: “Compostaxe si, pero non de calquera xeito nin en calquera sitio”

Redacción

• O PP denuncia a instalación xunto a unha igrexa, un cruceiro e unha zona hostaleira a pesar de as queixas dos veciños, que xa colocaron unha pancarta contra a súa localización
• Os populares reclaman trasladalo a un emprazamento adecuado e advirten de que o problema non é a compostaxe, senón “a falta de planificación e mantemento do Concello”

O Partido Popular de Pontevedra esixiu ao Gobierno municipal de Miguel Anxo Fernández Lores que reconsidere e traslade o composteiro comunitario previsto xunto a Casa Román, despois das queixas trasladadas polos veciños e da colocación dunha pancarta na zona para mostrar o seu rexeitamento á localización.

O PP quere deixar claro que non cuestiona a compostaxe comunitaria como sistema de xestión de residuos orgánicos, senón a decisión concreta do Concello de instalalo neste emprazamento, xunto a unha igrexa, un cruceiro e nas inmediacións dunha zona hostaleira.

“O problema non é a compostaxe. O problema é onde se coloca, como se planifica e, sobre todo, como se mantén. Non todo vale para instalar un composteiro”, sinalou o PP.

Os populares lembran que a compostaxe comunitaria necesita un mantemento e seguimento adecuados. O PP considera especialmente preocupante esta localización tendo en conta os problemas de cheiros, sucidade e presenza de roedores que se denunciaron noutros puntos da cidade en relación coa falta de mantemento deste tipo de instalacións.

“Non ten sentido instalar un composteiro onde poida xerar molestias aos veciños, aos establecementos hostaleiros ou afectar a unha contorna de especial valor e despois confiar en que todo funcione só. Se o Concello quere implantar este modelo, ten que facelo ben desde o primeiro día”, defenderon os populares.

“Noutras cidades primeiro estúdase onde poñelos”

O PP reclamou ao Gobierno municipal que tome como referencia a forma en que outras cidades planifican este tipo de instalacións.

As guías de implantación de compostaxe comunitaria recomendan estudar previamente cuestións como a distancia respecto ás vivendas, a densidade residencial, a accesibilidade, o uso actual do espazo e as características da contorna, alén de contar coa participación dos veciños na elección definitiva da localización.

En cidades como Vitoria-Gasteiz, os novos puntos intégranse nunha rede planificada por barrios e sitúanse en espazos públicos especificamente seleccionados, como parques ou zonas de encontro entre rúas En Madrid, as áreas de compostaxe comunitaria tamén se sitúan en espazos expresamente habilitados e vinculados a determinados equipamentos e zonas urbanas.

“A diferenza está en que noutros lugares primeiro estúdase o emprazamento e despois instálase. Aquí parece que primeiro se decide onde poñelo e despois pídese aos veciños que o acepten”, sinalaron.

Os populares consideran especialmente significativa a protesta veciñal ante a nova instalación. “Se os veciños xa tiveron que colocar unha pancarta para dicir que non queren o composteiro nese lugar, o mínimo que debería facer o Goberno municipal é escoitalos e buscar unha alternativa. A situación debe ser acordada cos veciños”, reclamaron.

O PP propón que o Concello retire a instalación deste emprazamento e busque unha localización alternativa que cumpra criterios técnicos, ambientais e de convivencia.

O PP sitúa esta proposta dentro do modelo de cidade que está a impulsar o seu presidente local e portavoz municipal, Rafa Domínguez, baseado nunha evolución do espazo público para facelo máis coidado, verde, accesible e adaptado ás necesidades actuais.

Comparte este artigo