O PP reúnese cos veciños e negocios da Ferrería antes de solicitar a súa participación na Xunta Local de Seguridade

adminON
Lectura mínima de 3

• Rafa Domínguez: “Débese poñer coto ao consumo de alcol e drogas, multiplicar a presenza da policía, mellorar a iluminación e reforzar os servizos sociais”

• O líder da oposición pide ao alcalde “que actúe antes de que suceda unha desgraza maior” despois das agresións a veciños e o prexuízo económico que supón para os negocios da zona

O portavoz municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, acompañado polos concelleiros populares Guille Juncal e Silvia Junco, reuniu aos veciños, comerciantes e hostaleiros afectados polos incidentes na Praza da Ferrería e Campolongo para informarlles de que, o partido máis votado na cidade, presentou un escrito na Subdelegación do Goberno en Pontevedra para participar na Xunta Local de Seguridade do venres 22 de marzo.

“O Concello de Pontevedra debe poñer coto ao consumo de alcol e drogas na vía pública; multiplicar a presenza das patrullas da policía a pé polas rúas; mellorar a iluminación deficiente, a miúdo, inexistente; e reforzar os servizos sociais”, solicitou o xefe da oposición.

Os afectados trasladáronlle a súa preocupación #ante “o efecto chamada” que se está producindo entre as persoas sen fogar que “consomen alcol e drogas” na vía pública, ademais de “incomodar e increpar aos viandantes”.

“Esta non é a imaxe de modelo de cidade que deberiamos ofrecer aos peregrinos e turistas cando chegan á Ferrería, como a xoia da coroa de Pontevedra, e zona de paso histórica do Camiño Portugués”, expresou Domínguez, antes de insistir na importancia de que se permita ao PP acudir á Xunta Local de Seguridade para “que se tomen medidas inmediatas” #ante un “grupo de persoas, cada vez, máis numeroso e agresivo”.

A agresión a un septuaxenario da semana pasada ou as pintadas con ameazas dos soportais da Ferrería “son só a punta do iceberg” dos altercados. A pasada tarde produciuse unha nova pelexa entre persoas sen fogar nunha Praza da Ferrería “na que xa non xogan os nenos polo medo que teñen os seus pais a que se produzan novos incidentes”.

Para finalizar, o líder dos populares pediu ao alcalde #Miguel Anxo Fernández Lores “que actúe antes de que suceda unha desgraza maior” despois das agresións a veciños e o prexuízo económico que supón para os negocios da zona.

Comparte este artigo