HomeVigoMosO programa "Festa Sostible" de Galicia Suroeste recoñece o compromiso dos 5...

O programa “Festa Sostible” de Galicia Suroeste recoñece o compromiso dos 5 pilotos de 2024 e amplía a súa implantación a 14 novas festas en 2025

- Anuncio -spot_img

Mos acolleu esta mañá a celebración do acto de recoñecemento polo seu compromiso coa sustentabilidade, ás 5 festas que no pasado 2024 participaron como proxectos piloto no programa.

O acto foi presidido pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, quen estivo acompañada pola Presidenta da AD Galicia Suroeste Eurural e alcaldesa de Tomiño, Sandra González e polo Representante Institucional do Xeodestino e alcalde de Pazos de Borbén, Luciano Otero.

O Concello de Mos acolleu hoxe o acto oficial de entrega de diplomas ás festas que participaron nos proxectos piloto o pasado ano 2024. A implicación e o compromiso destas festas facilitaron os traballos e a recollida de boas prácticas a partir das cales foi creada a “Guía de Certificación das Festas Sostibles de Galicia Suroeste” que será implantada en 14 novas festas este mesmo ano.

O acto foi presidido pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo quen deu a benvida á todas as persoas asistentes e amosou o seu agradecemento a todas as comisións e asociacións que o ano pasado decidiron comprometerse na loita contra o cambio climático e sumar esforzos para que podamos gozar das nosas festas, mantendo as tradicións e a cultura pero poñendo tamén o foco no coidado e no respecto do medio ambiente. Ademais, tamén destacou o traballo das persoas responsables no seu concello da organización, xunto á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Mos, das “Xornadas Micolóxicas de Mos”, que foi recoñecida como festa sostible, e agradeceu tamén a colaboración da Asociación de Hostalería BaRes Mos e da Fundación Pazo de Mos.

A rexedora estivo acompañada na presentación da Presidenta da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural e alcaldesa de Tomiño, Sandra González e do Representante Institucional do Xeodestino e alcalde de Pazos de Borbén, Luciano Otero. Os dous representantes quixeron poñer en valor o traballo e o esforzo de todas as festas, e fixeron unha especial mención as dúas festas de 2025 que xa implantaron a guía, que xusto foron celebradas nos seus concellos. No caso do concello de Tomiño, hai apenas unha semana, a 70 edición do “Entroido de Goián”; e no día de onte, a implantación foi realizada na “XXIV Festa da Cacheira de Pazos de Borbén”.

Recoñecemento ás festas pioneiras en 2024

Durante o evento, entregáronse os diplomas “Festa Sostible” ás cinco festas que participaron na primeira fase do proxecto en 2024, destacando o seu compromiso coa sustentabilidade e a implantación de boas prácticas:

  • Festa dos Ovos Fritos con Chourizo (Parada, Nigrán) – Organizada polo Centro Cultural e Deportivo Bolos da Carrasca.
  • Festa da Chula (Moscoso, Pazos de Borbén) – Organizada pola Sociedade Cultural e Recreativa de Moscoso.
  • Festa da Zorza (San Miguel de Ventín, Fornelos de Montes) – Organizada pola Asociación de Veciños San Miguel de Ventín e coa colaboración da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Ventín.
  • Festa dos Callos (O Porriño) – Organizada pola Asociación de Hostalería de O Porriño (Ahospor) e coa colaboración do Concello do Porriño.
  • Xornadas Micolóxicas e Forestais (Mos) – Organizadas polo Concello de Mos e a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Mos, coa colaboración da Asociación de Hostalería BaRes Mos e a Fundación Pazo de Mos.

Ademais, presentouse a nova edición, que este ano ampliarase con novas incorporacións como o Entroido de Goián en Tomiño e a Festa da Cacheira en Pazos de Borbénxa celebradas e que recibirán o seu recoñecemento o vindeiro ano;  a Festa da Ostra de Arcade en Soutomaior, a Festa do Choco de Redondela, a Festa da Empanada e do Pan de Millo dentro da programación da Festa da Rosa de Mos, a Festa da Lagosta e da Cociña Mariñeira na Guarda, a Feira do Viño do Rosal, a Festa Gastronómica da Chanfaina e Carne do Suído en Fornelos de Montes, a Festa do Xurelo Asado en Gondomar, a Exaltación dos Viños da Raia en Tui e a Festa e Degustación de Carne de Potro de Torroña en Oia.

Festa dos Callos do Porriño, e a Festa dos Ovos Fritos con Chourizo en Parada, Nigrán continuarán os traballos iniciados nos pilotos coa pretensión de acadar novos obxectivos e compromisos nesta edición, e a Festa da Arribada de Baiona, que será certificada na súa vindeira edición.

O acto tivo lugar ás  12:00 h na Axencia de Colocación de Mos, e contou tamén coa presenza da alcaldesa do Rosal, Anxela Fernández; Paco Ferreira, alcalde de Gondomar e Juan González, alcalde de Nigrán. Os demais concellos estiveron representados por concelleiros e concelleiras delegadas, Silvia Cernadas de Soutomaior, Rita Pérez de Redondela, Sheila González de Baiona, Vanessa Ucha de O Porriño, Iván Martínez de Pazos de Borbén, e Sara Cebreiro e Laura Méndez de Mos.

Tamén estiveron presentes membros da Xunta Directiva da Asociación así como representantes de entidades socias do Grupo de Desenvolvemento Rural.

Un proxecto para transformar as festas galegas.

A iniciativa “Festa Sostible” enmárcase dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea – Next Generation EU, e é promovido pola Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural, dentro do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino “A Despensa de Galicia”. O obxectivo é minimizar o impacto ambiental das festas do territorio mediante a correcta xestión dos residuos, a promoción de produtos locais e ecolóxicos e a incorporación de boas prácticas sostibles na organización dos eventos.

Con este recoñecemento e a expansión do proxecto en 2025, “Festa Sostible” segue avanzando na creación dun modelo de festas máis responsables, comprometidas co territorio e co medio ambiente. As novas 14 festas serán recoñecidas o vindeiro ano nun acto de entrega de recoñecementos similar ao celebrado no día de hoxe en Mos; o obxectivo da Asociación é abrir a posibilidade da certificación a todas as festas, tanto organizadas por entidades públicas como privadas para a anualidade 2026.

Publicacións Relacionadas