O Grupo Socialista denuncia que o Concello pecha o exercicio cun remanente negativo real de 902.686 euros, unha cifra en números vermellos que desmonta o relato triunfalista do goberno
Alberto García califica de “grave e enganosa” a afirmación do alcalde sobre unha suposta redución do 80%: “O que non aparece nos expedientes non pode converterse en titulares de prensa por moito interese político que haxa en maquillar a realidade”
O Grupo Municipal Socialista de Catoira denunciou hoxe con total contundencia a utilización “partidista e propagandística” que o alcalde está a facer da liquidación das contas do exercicio 2025. Os socialistas acusan ao rexedor de tentar enganar á veciñanza ao asegurar publicamente unha suposta redución do 80% do remanente negativo do Concello, unha afirmación que, segundo recalcan, “non aparece reflectida por ningures” na documentación oficial sometida á aprobación do Pleno.
Segundo os documentos técnicos e oficiais presentados polo propio goberno local, as contas municipais seguen nunha situación sumamente preocupante. O Concello de Catoira pechou o exercicio 2025 cun remanente de tesouraría para gastos xerais negativo de 902.686 euros, o que evidencia que as finanzas municipais continúan sumidas nos números vermellos.
Para o PSOE, resulta especialmente grave que o alcalde constrúa un relato ficticio baseado en cálculos que non figuran nin na Conta Xeral nin na liquidación do expediente plenario. “Os datos oficiais din unha cousa e o alcalde conta outra ben distinta”, sinalou o portavoz socialista, Alberto García, quen engadiu que “estamos ante un Concello que segue cun remanente negativo que supera os 900.000 euros, cun saldo de dubidoso cobro que alcanza os 1,79 millóns de euros e cunha situación que obriga legalmente a adoptar medidas de corrección financeira”.
Advertencias sistematicamente ignoradas
Desde as filas socialistas lembran que esta deriva financeira non é nova e chega tras os reiterados avisos realizados tanto pola oposición como polos propios informes técnicos municipais. Así mesmo, subliñan os reparos formulados desde o Ministerio de Facenda respecto dos orzamentos aprobados polo Executivo local, unhas advertencias que foron ignoradas sistematicamente polo alcalde e polo seu equipo.
“Levan anos vendendo unha realidade paralela. Primeiro aprobaron uns orzamentos sustentados en ingresos irreais, despois negaron os problemas económicos e agora pretenden convencer á veciñanza de que unha débeda desaparece simplemente cambiando a forma de presentar os números”, recrimina o grupo maioritario da oposición.
Como mostra do seu total rexeitamento a esta xestión baseada na “propaganda”, o Grupo Municipal Socialista votou en contra tanto da urxencia da sesión como da aprobación da Conta Xeral, cualificando a liquidación de 2025 como a confirmación do “fracaso rotundo” da xestión económica do goberno local. “O que necesita Catoira non son titulares interesados, senón transparencia, rigor e un plan serio para recuperar a estabilidade económica. A realidade está nos expedientes e non nas declaracións do alcalde”, concluíu Alberto García.
Resulta alarmante que o alcalde pretenda soster un relato público baseado nunha suposta redución do 80% que non figura en ningún dos documentos contables sometidos á aprobación do Pleno. Os informes económicos dos técnicos municipais —os únicos con validez real para auditar a situación financeira do Concello— seguen advertindo dunha economía asfixiada por un remanente negativo superior aos 900.000 euros e por case 1,8 millóns de euros en dereitos de dubidoso cobro. Os feitos son teimudos: a realidade do expediente administrativo desminte con rotundidade o triunfalismo do goberno local. O alcalde pode intentar maquillar as cifras para a foto, pero non pode modificar os números que asinan os técnicos municipais. E eses números din exactamente o contrario do que lle está vendendo á veciñanza.

